POLÍTICAS SOCIAIS

Nacen os "Almorzos do Bo Facer" como espazo de encontro para as cooperativas compostelás

11/10/2017 O II Foro de Economía Social Inspiradora. Emprendemento Cooperativo vén a dar continuidade ás I Xornadas de Economía Social e Colaborativa realizadas con grande éxito de público no ano 2016, creando un espazo distintivo no Cersia Empresa para a reflexión e a formación nas posibilidades da economía social e as novas economías centrada nas persoas como motores de cambio.

Con este Foro, o Concello de Santiago busca, por unha parte, coñecer e recoñecer o traballo de empresas cooperativas con valores sostibles, igualitarios e solidarios, polo que se dará visibilidade ás entidades que aparecen no Catálogo de Entidades de Economía Social en Santiago de Compostela, realizado no ano 2016; e por outra parte , insistir na necesidade de colaborar dende as complicidades persoais para deseñar proxectos de colaboración que derive na "coopetición" de redes de persoas, profesionais e empresas.

As persoas asistentes poderán coñecer e compartir as experiencias de cooperativas como a compostelá Numax, Premio da Cultura Galega 2016 na categoría de Audiovisual; Feitoría Verde ou Entrepedras. Tamén terán presencia as empresas de inserción laboral a través de Anaco, os proxectos de colaboración entre cooperativas e as asociacións que as representan coa participación da Unión de Cooperativas Espazocoop e da Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REAS).

Os Almorzos do Bo Facer nacen para crear un espazo de encontro onde as cooperativas poidan falar e ser escoitadas, poidan coñecerse entre elas e poidan deseñar proxectos colaborativos e de "coopetición" para mellorar as súas necesidades e que estas poidan reverter nunha mellora e beneficio no resto da comunidade. Contarán con estruturas diferentes xa que cada un terá obxectivos concretos:

- 1º Almorzo Fala- Escoita: Venres 20 de outubro, no Cersia, en horario de 9:00 a 11:00 horas. Neste primeiro almorzo preténdese crear un espazo distendido, activo e de cohesión onde as cooperativas poidan expresar libremente as súas opinións cara á creación dun listado de propostas e ideas colaborativas e cooperativas que mostrar ao Concello e que poidan favorecer e fortalecer o sector da economía social compostelá.

- 2º Almorzo Deseña: Martes 31 de outubro, no Matadoiro, en horario de 9:00 a 11:00 horas. Este segundo almorzo centrarase no deseño e concreción de ideas ou esbozos de proxectos de carácter colaborativo que poidan funcionar como solucións ou alternativas ás cuestións xurdidas no primeiro. Terá, polo tanto, un carácter de continuidade.

Ademais preténdense que aglutine a máis persoas, proxectos e entidades das que participaron no almorzo inicial. Estas acudirán convidadas polas entidades que participaron no primeiro almorzo e que ven nestas novas iniciativas un apoio para o deseño de ideas.

- 3º Almorzo Responde: Martes 14 de novembro, no Auditorio de Galicia, en horario de 9:00 a 11:00 horas. A idea é mostrar proxectos que poden dar resposta ou ser de aplicación para algunhas das necesidades que saíron nos almorzos anteriores. Todas estas ideas e proxectos virán da economía social galega, e na medida do posible de Compostela, e serán de aplicación e utilidade para as cooperativas participantes, dando respostas ás cuestións xurdidas, dende diferentes ópticas da economía social e fórmulas próximas a esta.

- 4º Almorzo Proxecta: Martes 5 de decembro, na Sala Numax, en horario de 10:00 a 12:00 horas. Neste último almorzo e como peche proponse presentar os proxectos ou propostas colaborativas ao Concello de Santiago de Compostela, por un lado, como resultado dos almorzos pero, por outro, co gaio de que poidan ser estudadas para un posible apoio dende o propio Concello na súa programación de accións para o ano 2018

A inscrición para estas actividades pode realizarse a través da web municipal www.cersiaempresa.gal.

Compostela Móvese
O II Foro de Economía Social Inspiradora e os Almorzos do Bo Facer encádranse dentro do programa Compostela Móvese 2017 de dinamización económica e na colaboración que o Concello de Santiago establece coa Rede Eusumo impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social en Galicia.

O programa Compostela Móvese ten como principal obxectivo apoiar un modelo de desenvolvemento económico local endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio no que se produce. Búscase asentar os procesos de mellora empresarial e emprendemento nos valores diferenciais do tecido socioeconómico do concello. Compostela Móvese 2017 conta con un orzamento de 235.000 euros, dos que 80.000 se dedican a axudas a empresas de recente creación e outros 80.000 a accións de fomento da economía social e colaborativa.

Direccións relacionadas



Compartir: