ACCIÓN CULTURAL

Galicreques ofrecerá máis de 40 funcións da man de 26 compañías procedentes de Galicia, España, Arxentina ou Francia

10/10/2017 O Festival Internacional Galicreques celebrará a súa 22ª edición entre o 14 e o 22 de outubro, cunha ampla programación con máis de 40 funcións e que contará cun marcado carácter internacional, ao traer a Compostela un total de 26 compañías procedentes de Arxentina, Chile, Francia ou Portugal, ademais de formacións galegas e do resto do Estado.

Os detalles do festival adiantáronos este martes en rolda de prensa, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director de Galicreques, Jorge Rey, quen destacou durante a súa intervención dúas novidades desta edición. A primeira é a aposta por incorporar un maior número de espectáculos destinados ao público xuvenil, co obxectivo de crear novos públicos. A segunda é a inclusión de montaxes que non son de monicreques puros, ao combinar o xénero dos bonecos co teatro de actor, a danza ou a música.

Branca Novoneyra salientou a longa colaboración entre o Concello de Santiago e Galicreques, con 22 anos de historia ás costas, e puxo en valor o compromiso do certame coa programación en galego para público infantil, con numerosas funcións que teñen sido encadradas no programa Apego pola súa contribución ao fomento e mellora da transmisión do galego como lingua inicial.

Pola súa banda, Jacobo Sutil destacou a colaboración de varias institucións no apoio ao festival e parabenizou o labor de Galicreques na dignificación do xénero e na extensión do seu interese ao público xuvenil e adulto.

O Festival Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia das Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, inclúe este ano tres estreas absolutas dentro da súa programación. Deste xeito, a compañía galega Fantoches Baj dará a coñecer o domingo 15 ás 12:30 horas, na Fundación SGAE, a súa nova montaxe, Os golfiños e o xigante; a compañía madrileña Mazzú Teatro estreará a súa montaxe para público xuvenil Enredos de amor y odio o sábado 21 ás 18:00 horas, tamén na Fundación SGAE; e Títeres Cachirulo presentará na función inaugural do festival a súa montaxe Bala Perdida, adaptación do texto de Manuel Rivas, o domingo 15 ás 18:00 horas no Teatro Principal.

A programación internacional complétase cun total de sete espectáculos que chegan por primeira vez ao Estado. Así, o público do Galicreques coñecerá en primicia montaxes como Viento, dos arxentinos El Colectivo; Un botón en mi cabeza, dos chilenos Arriba Las Humanos; O día que a morte sambou, dos brasileiros Valeria & Habib; Historias con guante, da arxentina El Telón; Le fumiste, do francés Don Davel; Poeta Niña, da arxentina Gabriela González, e Peregrinación, dos portugueses La Fontana-Formas Animadas.

O teatro de títeres galego estará representado por un total de once formacións: Caramuxo Teatro, Larei Lará, Teatro Marionetas Trécola, A xanela do Maxín, Títeres Brincadeira, Danthea Teatro, Títeres Alakrán, Micromina, Fantoches Baj, Cachirulo e Carmen Domech. Todas estas compañías repartirán as súas obras entre o Teatro Principal, a Fundación SGAE e o CSC Santa Marta, as tres sedes que ocupará Galicreques nesta edición.

Pola súa banda, a compañía granadina Etcétera recibirá o próximo sábado 21 de decembro o Premio Galicreques 2017, galardón co que a organización recoñece a traxectoria e o traballo de difusión realizada por esta formación ao longo de 35 anos de vida. Etcétera Títeres recollerá a distinción no Teatro Principal antes do inicio da representación de El alma del pueblo, montaxe que visitará por vez primeira Galicia.

1.200 rapaces
Ademais, Galicreques reedita neste 2017 o seu compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres a través da súa ampla programación destinada ao alumnado tanto de colexios coma de institutos, constituída por 15 representacións doutras tantas compañías galegas, estatais e internacionais. As funcións celebraranse principalmente en horario de mañá na Sede da Fundación SGAE, no Teatro Principal e no CSC de Santa Marta, por onde pasarán máis de 1.200 escolares de diferentes centros de ensino.

Entre os espectáculos enmarcados na programación para escolares, destacan obras procedentes de diferentes puntos de España, como son Vuela Pluma, dos murcianos de Periferia Teatro; Mi primer Quijote, dos aragoneses de Teatro Arbolé, ou Macbeth-ya somos el olvido que seremos, dos leoneses Alauda Teatro.

Actividades paralelas
Ademais das funcións de sala, Galicreques inclúe unha serie de actividades paralelas que achegaranlle ao público a realidade do xénero escénico dos bonecos. Destacan nesta liña a celebración na Fundación Eugenio Granell de tres mesas redondas. A primeira delas terá lugar o martes 17 ás 13:00 horas e xirará ao redor da programación e dos festivais de monicreques. A segunda celebrarase o mércores 18 ás 13:00 horas e centrarase na edición de textos e revistas de monicreques. Por último, o xoves 18 á mesma hora, terá lugar a presentación das obras galardoadas en 2016 co Premio Barriga Verde de texto para teatro de títeres convocados pola Agadic e editados por Bahía Edicións: Marcha fúnebre para un títere, de Roi Vidal, gañador na categoría para adultos; e Os golfiños e o xigante, de Inacio Vilariño, no apartado infantil.

Galicreques contará ademais con tres exposicións. A primeira delas titulase A cartelería no teatro de monicreques e figuras en Galicia, que estará na Fundación SGAE até o 30 de outubro. A segunda leva por nome A construción de monicreques en madeira, que se poderá visitar no ambigú do Teatro Principal entre o 14 e o 22 de outubro. A terceira das mostra situarase entre o 10 e o 30 de outubro na Biblioteca Ánxel Casal e, baixo o lema Marionetas de África, levará ao público a longa tradición de monicreques do continente africano.

As actividades paralelas complétanse co Obradoiro El Trastero de Lula. Constrúe o teu propio monicreque, que se celebrara os días 20, 21 e 22 na praza do Toural, xunto ao posto de información continuada que o festival manterá aberto de mañá e tarde nas fins de semana e só pola tarde durante a semana. O obradoiro destínase ao público infantil e o seu prezo é de tres euros.

Por último, cómpre destacar que o Festival Galicreques deste ano conta con dúas extensións fóra de Santiago de Compostela. Deste xeito, a Sala Gurugú da Coruña e a Sala Ártika de Vigo ofrecerán ao longo do mes de outubro diferentes espectáculos que participan no festival en Compostela.

Venda de entradas
As entradas para as funcións do Teatro Principal, Fundación SGAE e CSC de Santa Marta custan 5 euros por persoa, podendo adquirir catro billetes para un mesmo espectáculo por 15 euros. As entradas para as montaxes do Teatro Principal véndense de forma anticipada de martes a sábado, en horario de 18:00 a 21:00 horas. Os días de función, pódense adquirir dende unha hora antes do comezo do espectáculo. Na Fundación SGAE e no CSC de Santa Marta, as entradas véndense tamén dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Para reserva de entradas, pódese chamar ao teléfono 667 771 147. A información completa do programa está dispoñible en www.galicreques.com ou no punto informativo da praza do Toural.

Compartir: