POLÍTICAS SOCIAIS

Coloquio sobre as persoas con visión reducida na Fundación Granell no marco do Día Mundial da Visión

10/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou hoxe o coloquio enmarcado dentro das actividades do Día Mundial da Visión. Este encontro terá lugar na Fundación Granell ás 19:00 horas deste martes. Tamén participaron na rolda de prensa Lourdes Díaz, presidenta da Asociación Tiresias Galicia; José María Casado, presidente da Asociación Visión-España, e Antonio Felpeto, participante no taller de fotografía Cores Marcianas. Todos eles coincidiron na necesidade de integrar e dar máis cobertura ás persoas cunha capacidade de visión reducida.

A concelleira Concha Fernández lembrou que as actividades relacionadas co Día Mundial da Visión rematarán o domingo 22 de outubro cunha exposición na praza do Toural na que se verán os traballos realizados no taller de fotografía Cores Marcianas. Sobre o coloquio desta tarde, a concelleira indicou que "é moi importante ir sensibilizando e concienciando á sociedade sobre a discapacidade visual e as consecuencias que ten para as persoas con esta discapacidade".

Pola súa banda, José María Casado, presidente da Asociación Visión-España, apuntou que "moitas veces é difícil explicar que é ser unha persoa con visión baixa. É como estar nun espazo de ninguén, pois para a sociedade hai persoas que ven e persoas que non ven, pero non saben que é unha persoa con visión variable". Sinalou sobre este problema que "é algo transversal, afectando ás persoas que o padecen durante todo o tempo e toda a súa vida". Para Casado, isto non debera impedir a participación de persoas con visión variable na vida diaria, tanto social como laboral.

Lourdes Díaz, presidenta da Asociación Tiresias Galicia, reiterou a necesidade de "visibilizar con máis forza o colectivo que representamos, o de persoas con visibilidade variable". Un dos pasos para esta visibilización, segundo Díaz, "é o labor de contacto con outras asociacións de España para conseguir a unión de todas elas". Sobre o coloquio, nomeou, entre outros participantes, á técnica de rehabilitación da ONCE Laura Salvador, lembrando que "a ONCE foi unha organización pioneira no tratamento, concienciación e visibilización das persoas con problemas de visión". Tamén participará o doutor Gómez-Ulla, profesor e investigador ocular.

Un dos participantes nos talleres Cores Marcianas, Antonio Felpeto, falou sobre os mesmos, salientando que, para el, estes obradoiros "supuxeron unha experiencia coa que disfrutei moito e, aínda que eran de fotografía, decidín dar o salto e traballar coas sensacións das cores". Cada taller contou cunha participación de entre oito e nove persoas.

Os talleres finalizan o día 22 de outubro cunha exposición de fotografías realizadas polas persoas participantes. A mostra estará na praza do Toural a partir das 11:00 horas.

O número de persoas afectadas de baixa visión está estimado en dous millóns en todo o Estado. Os datos, como apuntou José María Casado, non son exactos debido á falta de rexistros que cuantifiquen o número total de xente con esta discapacidade. Na comparecencia tamén se apuntou que a cantidade de persoas afectadas pode ir aumentando co tempo, por culpa do envellecemento da poboación.

Compartir: