TURISMO

Turismo de Santiago aproba unhas contas de máis de 3 millóns e medio de euros para o 2007

15/12/2006 O Consello de Administración da empresa municipal Turismo de Santiago-Incolsa aprobou un orzamento de máis de 3 millóns e medio de euros para o exercicio do ano 2007, dos que o Concello de Santiago aportará un 28 por cento. O resto procederá de convenios e dos ingresos propios, que crecerán un 168 por cento.

A proposta de orzamento de Turismo de Santiago de Compostela – Incolsa para o no 2007, por un importe de 3.743.715,77 euros, foi aprobada este venres 15 de decembro polo seu consello de administración, cunha única abstención.

Neste importe, a participación do Concello de Santiago de Compostela, como socio único, ascende a 1.050.000 euros, que representan un 28% do total e un 34% máis que no anterior orzamento.

O resto do orzamento procederá dos ingresos propios da empresa municipal por venda de produtos turísticos, así como da sinatura de convenios con outras administracións públicas como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Consorcio de Santiago e o Ministerio de Cultura.

A asignación supera nun 75% ao presuposto anterior, que foi de 2.179.954,34 euros, segundo informou en rolda de prensa o concelleiro de Turismo, Francisco Candela.

As principais partidas de gastos destinaranse ao plan de promoción turística, con 2.098.344 euros; ao Plan de Competitividade Turística, con 600.000 euros; e o IV Festival Internacional de Curtametraxes ‘Curtocircuíto’ 2007, que recibirá 240.000 euros, procedentes da Deputación, a Fundación Caixa Galicia, o ICAA e a Xunta de Galicia.

Máis ingresos propios

De acordo coa proposta presentada por Turismo de Santiago, os ingresos previstos en concepto de explotación de produtos turísticos crecerán un 168% sobre os do 2006.

Estes ingresos, que se cifran en 268.720 euros para o 2007, orixínanse pola venda dos produtos de merchandising propio, a xestión do transporte turístico, Compostur e outros.

Consolidación de postos de traballo

O 2007 suporá así mesmo a consolidación de 4 postos de traballo na estrutura de persoal, o que garante a calidade do servizo de atención turística que presta a empresa.

Os postos que se consolidan pertencen ás áreas de información turística, novos produtos turísticos e Plan de Calidade en Destino. Así mesmo, previse a continuidade da actuación dos Chaquetas Vermellas o próximo verán.

Continuidade de Compostur

O consello de administración de Turismo de Santiago acordou así mesmo a continuidade do proxecto Compostur no ano 2007.

Compostur continuará desenvolvendo as súas liñas básicas de traballo, entre as que se contan a xestión da central de reservas oficial da cidade, que opera por web e por teléfono; a creación e comercialización de paquetes turísticos nos mercados nacionais e internacionais e a contribución ás campañas de desestacionalización turística de Turismo de Santiago. Neste sentido, foi aprobado o prego de condicións que rexerá o concurso para a explotación de Compostur no 2007.

Finalmente, a xerencia de Turismo de Santiago presentou ao consello de administración un informe sobre o desenvolvemento do Plan de Marketing do aeroporto compostelán.

Compartir: