MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Quince mozos e mozas rehabilitarán a zona do Banquete de Conxo grazas ao obradoiro Ecotur III

10/10/2017 Os concelleiros de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e de Medio Ambiente, Xan Duro, visitaron este martes os traballos de rehabilitación dun novo tramo do río Sar, desta vez na contorna do Hospital Provincial de Conxo.

En total son 15 os mozos e mozas desempregados e menores de 30 anos que se están a formar dende o pasado 1 de setembro, ao mesmo tempo que recuperan unha zona de alto valor ambiental. Así, realizan traballos de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (8 alumnos/as) e de colocación de pedra natural (7 alumnos/as). A actividade está cofinanciada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cunha subvención de 140.188,65 euros, mentres que a achega do Concello é de 50.000 euros.

Desta vez, estase actuando no tramo comprendido entre Ponte Suarribas e Ponte da Fervenza, no contorno do Hospital Provincial de Conxo. O alumnado do Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil III completou a súa formación teórica co traballo práctico, que consistirá no acondicionamento e recuperación dos camiños tradicionais, a limpeza das ribeiras do río Sar e restauración da vexetación, e mesmo pequenas actuacións para a mellora da calidade das augas. Tamén se acondicionarán espazos de uso público e poranse en valor algúns elementos patrimoniais.

A concelleira de Desenvolvemento Económico destacou que se acondicionarán preto de 3 quilómetros de senda e destacou tamén a "restauración da ponte e do que será o cenador do Banquete de Conxo". Para Marta Lois é tamén moi importante o "traballo de formación que se leva a cabo nestes obradoiros para que estes mozos e mozas se incorporen ao mercado laboral con garantías".

Pola súa banda, Xan Duro salientou o "valor ambiental que ten o sendeiro e tamén o feito de que sirva para vertebrar peonilmente barrios que teñen unha complicada conexión peonil como Conxo ou a Rocha para que a veciñanza teña un camiño seguro cara o centro da cidade".

Terceira edición do Ecotur Xuvenil
Estes traballos, que deron comezo o pasado mes de setembro, estenderanse ata febreiro. Trátase xa da terceira edición destes obradoiros, cos que se acondicionaron xa zonas como Ponte Albar ou Brañas de Sar, así como o tramo entre Novo Milenio e a carballeira do Parque Eugenio Granell.

Na primeira edición participaron 32 mozos e mozas, e na segunda foron 15 alumnos e alumnas. As dúas edicións anteriores foron tamén cofinanciadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello de Santiago.

Compartir: