FACENDA

Este domingo remata o prazo para votar as propostas dos orzamentos participativos

10/10/2017 Os orzamentos participativos Compostela Decide emprenden a súa recta final. Este domingo día 15, ás 23:59 horas,remata o prazo para votar as 133 propostas cidadás rexistradas a través da web decide.santiagodecompostela.gal. Para animar a participación, este mércores, a partir das 16:30 horas, haberá unha carpa na praza do Toural cun espazo de xogo, ordenadores e toda a información precisa para que calquera persoa se manteña ao tanto do proceso ou mesmo poida votar alí, co apoio do equipo técnico.

Calquera persoa empadroada en Santiago de Compostela con máis de 16 anos pode votar a través da plataforma web, só ten que rexistrarse co seu DNI. Unha vez feito isto, e dependendo do lugar de Santiago onde estea empadroada, poderá votar un máximo de 5 propostas e un mínimo de 5 nas diferentes áreas do proceso: Rural Sur, Rural Norte, Norte e Sur da cidade, ademais de Festas do Apóstolo, Municipal e Mocidade (se ten menos de 35 anos). No caso de terse rexistrado o ano pasado e non lembrar o seu nome de usuario/a, pode poñerse en contacto co equipo técnico a través do correo decide@santiagodecompostela.gal.

Os orzamentos participativos son unha ferramenta para que a xente de Santiago decida de xeito directo o gasto dunha parte do orzamento municipal anual. Este é o segundo ano consecutivo que o Goberno municipal pon en marcha este proceso, o terceiro no caso de Mocidade.

Direccións relacionadas



Compartir: