BENESTAR ANIMAL

Publicadas as bases do proceso selectivo do persoal directivo e veterinario do Refuxio de Bando

09/10/2017 O Boletín Oficial da Provincia publica es luns as bases para o proceso selectivo da dirección e do persoal veterinario do Refuxio de Animais de Bando, aprobadas no Padroado da entidade celebrado o 30 de agosto. As solicitudes poderanse presentar no prazo de trinta días.

A persoa seleccionada para ocupar a dirección do Refuxio de Animais terá que cumprir as funcións que establecen os estatutos da entidade e, á maiores, nas bases publicadas hoxe fálase de novos cometidos como a reactivación das relacións e sinerxias co tecido asociativo que traballa no eido da protección animal, a colaboración activa con entidades públicas e privadas neste ámbito, e a procura de recursos externos para o bo funcionamento e a autonomía da Fundación. Tamén se sinala que o novo director ou directora deberá garantir unha política de "sacrificio cero" nas instalacións de Bando.

As persoas candidatas deberán presentar unha memoria de actuación no Refuxio para un prazo de catro anos, definindo as liñas de actuación e as campañas que se pretenden desenvolver.

Persoal veterinario
En canto ao persoal veterinario, o proceso selectivo constará de tres fases: un concurso de méritos, unha entrevista curricular, e un período de proba de tres meses. Na selección terase en conta a formación académica, a experiencia en protectoras ou refuxios e tamén outro tipo de experiencia laboral. A entrevista correrá a cargo de membros do Padroado da Fundación.

Compartir: