MOCIDADE

Os grupos musicais de Compostela contarán con novos locais de ensaio no Centro Xove da Almáciga

09/10/2017 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou as obras para a habilitación de locais de ensaio no Centro Xove da Almáciga. O obxectivo destes traballos, que xa comezaron hai uns días, é ofrecer un lugar de ensaio de calidade para as bandas e grupos de Santiago, que actualmente ensaian nas instalacións do Estadio de San Lázaro. Prevese que os novos espazos estean listos nun mes e medio.

Noa Morales indicou que, "coa habilitación destes locais de ensaio, darase saída a unha demanda histórica nesta cidade" por parte dos grupos e solistas. Apuntou que, na actualidade, veñen ensaiando nos locais municipais uns 50 grupos, unha cifra que, coa mellora das condicións, agarda a concelleira que se incremente.

O Centro Xove da Almáciga leva case un ano en marcha, pero aínda non podía ofrecer espazos para ensaio. Con estes novos locais, apuntou Noa Morales, "trátase de crear un soporte estable, con medios accesibles e promovido polo Concello de Santiago a través do Departamento de Xuventude".

En canto ás características dos novos espazos, a concelleira explicou que haberá 93 metros cadrados útiles. Estarán repartidos entre tres salas, un estudo de gravación e un pequeno espazo como almacén". O orzamento destinado para estas obras é de algo máis de 37.800 euros.

Os tres locais serán cedidos para a realización habitual de labores de ensaio dos grupos musicais e solistas e terán carácter gratuíto.

Direccións relacionadas



Compartir: