ACCIÓN CULTURAL

"El pintor de batallas" chega este domingo ao Auditorio

07/10/2017 El pintor de batallas é unha novela sobre a vinganza que viu a luz en 2006 da man do escritor e xornalista Arturo Pérez Reverte e baixo o selo Alfaguara. Unha década despois, o texto toma forma teatral baixo a dirección de Antonio Álamo e coas interpretacións de Jordi Rebellón, ben coñecido polo público tras o seu paso por series televisivas como Hospital Central, Cuéntame cómo pasó ou Sin identidad, e Alberto Jiménez, tamén popular grazas ás súas interpretacións en filmes como El Bola ou Mar adentro. O espectáculo chega ao Auditorio de Galicia este domingo, 8 de outubro, ás 20:30 horas.

Esta representación está producida por Emilia Yagüe Producciones, Minestrone Producción y Gestión Cultural, Masca Producción, e Teatro Calderón de Valladolid e en colaboración co INAEM (Ministerio de Cultura e Deporte) e a Comunidade de Madrid. Foi candidata aos Premios Max de Artes Escénicas 2017 nas categorías de Mellor Adaptación –para Antonio Álamo-, Mellor Actor Protagonista- para Alberto Jiménez- , Mellor Espectáculo de Teatro e Mellor Produción Privada.

El pintor de batallas retrata o encontro de dous vellos coñecidos, o pintor e fotógrafo de guerra Faulques, ao que dá corpo e voz Jordi Rebellón, e Ivo Markovic, un sobrevivente da batalla de Vukovar ao que aquel retratou tempo atrás co seu obxectivo e que é interpretado por Alberto Jiménez.
Coa guerra como pano de fondo, a obra pon es escena un abano de cuestións que reproducen algunhas das constantes dramáticas de Pérez Reverte, como as feridas xeradas polos conflitos, o silencio das vítimas, o recordo, o amor e a perda e as relacións entre o tempo e o azar.

O autor e membro da RAE describe a novela orixe desta montaxe como testemuño da súa ollada e impresións sobre a guerra logo de 21 anos de experiencia como reporteiro en diversos conflitos bélicos. Para o adaptador do texto e director da peza, Antonio Álamo, a obra tende unha mirada complexa sobre cuestións universais como a maldade, o caos, a supervivencia e as convencións sociais e fai que o espectador se cuestione sobre a culpabilidade, sobre o papel que asume nos seus actos e sobre a utilidade do recordo.

El pintor de batallas conta con escenografía e deseño de vestiario de Curt Allen, iluminación de Miguel Ángel Camacho, e música e espazo sonoro de Marc Álvarez. O espectáculo está enmarcado no programa PLATEA, Programación Estatal de Artes Escénicas, promovido polo INAEM.

As entradas, a 16 euros, pódense adquirir no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia -o día do espectáculo-, e en entradas.abanca.com.

Compartir: