XUNTA DE GOBERNO

Aberto expediente sancionador á empresa das obras de Vista Alegre polos atrasos na execución

06/10/2017 A Xunta de Goberno acordou este venres iniciar cadanseu expediente sancionador á empresa responsable das obras de Vista Alegre polos atrasos na execución dos traballos correspondentes ás Fases I e II do proxecto. O contratista Eulogio Viñal terá un prazo de 15 días hábiles para presentar as súas alegacións, antes de que se fixen as penalidades correspondentes.

O concelleiro Xan Duro, encargado de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe, explicou que tamén se iniciaron os trámites para a extensión formal da acta de recepción das obras, momento no que se concretarán os días de atraso efectivo na execución dos traballos. En todo caso, o edil adiantou que "a actuación debera estar finalizada a 31 de agosto". No caso da Fase I, a sanción á que se enfronta a empresa é de 100 euros por día de atraso, mentres que no tocante á Fase II, o contratista podería ter que pagar ata 300 euros por día de atraso. Estas cifras, explicou Xan Duro, van en relación ao importe total das obras de cada unha das fases.

Obras de pavimentación
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe un importante proxecto para a rexeneración do pavimento da calzada do eixo das rúas Ponte Marzán, Sandino e Cruceiro de Sar, localizadas entre Aríns e Sar. A esta actuación vaise destinar un orzamento de 586.000 euros, IVE incluído, e prevese que as obras teñan un prazo de execución de seis meses.

Pavillón Apóstolo Santiago
Aínda en materia de obras, hoxe adxudicouse o contrato das obras de reforma do pavillón municipal Apóstolo Santiago, ás que se destinarán algo máis de 207.000 euros. A empresa encargada dos traballos será VIPECA Obras y Servicios.
A actuación ten un prazo de execución de catro meses.

Outros acordos
Na reunión desta mañá, recibiron luz verde varias subvencións para axudas á rehabilitación nas ARIS de Vista Alegre (fase 7), cidade histórica (fase 14) e Pontepedriña (Fase 4). En concreto, serán beneficiarios cinco edificios de Vista Alegre, nos que xa se teñen instalados os ascensores, dúas vivendas da cidade histórica e unha de Pontepedriña.

Ademais, o Executivo local aprobou o Plan de Control Tributario de 2018 que, segundo apuntou Xan Duro, terá como prioridades "o control do Imposto de Actividades Económicas, da ocupación do dominio público, e a inspección das licenzas urbanísticas".

Por último, a Xunta de Goberno acordou designar a Silvia Aramburo como nova directora da área de Réxime Interior do Concello. O seu nomeamento non supón incrementar o número de direccións de área, posto que unha delas quedou liberada porque a persoa que a ocupaba pasou a ser o responsable da Asesoría Xurídica Municipal.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: