LINGUA

Teatro, música e moitos títeres na programación de outubro do Apego

06/10/2017 Outubro está cheo de actividades para nenos e nenas co programa Apego. O calendario deste mes concede especial protagonismo aos títeres, con varios espectáculos no marco do XXII Festival Internacional de Títeres Galicreques. Pero tamén haberá xogos, música e un obradoiro sobre crianza e bebeteca.

Á marxe de toda programación de títeres incluída no festival Galicreques, a programación de outubro arranca este mesmo sábado con Brazolinda e o seu espazo de xogos de mesa para divertirse e aprender en familia. Será de 18:00 a 20:00 horas no CSCXM do Ensanche, con entrada libre ata completar aforo. A proposta está dirixida a nenos e nenas de máis de 3 anos acompañados por unha persoa adulta.

Outra das propostas destacadas do mes terá lugar o venres 20, de 18:30 a 19:15 horas, no CSC de Conxo, con A viaxe de Toribio, a cargo de Sherezade Bardaji. Este espectáculo, unha viaxe ao universo de Carlos Casares, é unha celebración da vida e da literaura.

Ao día seguinte, sábado 21, de 18:00 a 18:50 horas e no CSC de Santa Marta, nova oportunidade para os nenos e nenas de gozar coa música de Mamá Cabra. Xa son máis de 15 anos os que leva Gloria Mosquera creando cancións. Nesta ocasión, estará acompañada ás teclas e á percusión por Iago Rodríguez.

O calendario de outubro do Apego tamén inclúe un faladoiro de crianza e bebeteca Montessori, conducido por Rachachán, o mércores 25, ás 17:30 horas, no CSCXM do Ensanche. Hai 15 prazas prazas dispoñibles para nais e pais, que poden ir acompañados/as polas súas crianzas ata 3 anos. A inscrición realizarase do 10 ao 15 de outubro por correo electrónico na dirección dlg@santiagodecompostela.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: