ALCALDÍA

O alcalde inaugura o Foro de Cooperación Sino-Europea

06/10/2017 O alcalde, Martiño Noriega, presidiu esta mañá a apertura do Foro sobre a Cooperación Sino-Europea, que organizan o IGADI e a Academia de Ciencias Sociais da China, en colaboración con Casa Asia. No evento vanse analizar as oportunidades que representa para Galicia e para Europa a Ruta da Seda, coa que China pretende construír unha rede comercial e de infraestruturas entre Asia e Europa que supere as antigas vías comerciais.

Martiño Noriega agradeceu a elección de Santiago para celebrar este encontro, que "permitirá coñecer como nos afecta aos galegos e galegas esta moderna ruta da seda e que oportunidades ofrece ao noso país". O rexedor mostrouse convencido do importante papel que pode ter Galicia nesta iniciativa, ao ser "un país atlántico situado no centro das autoestradas do mar que comunican o mundo, inserido nas dinámicas económicas peninsulares e europeas e punta de lanza do relacionamento Europa-América".

Ampla comitiva chinesa
Ademais do alcalde compostelán, na apertura do Foro interviñeron Deng Chundong, representante da Academia de Ciencias Sociais de China; Huang Yazhong, ministro conselleiro da Embaixada de China en España; e Xulio Ríos, presidente de honra de IGADI.

No foro participa unha ampla comitiva chinesa integrada por máis de medio cento de especialistas procedentes de diferentes institutos da Academia de Estudos da Información, de Filosofía, Estudos Ambientais e Urbanos; de seccións da Academia de provincias como Shandong ou Jiangsu, de medios de comunicación como o Public Daily, ou das universidades de Dalian, Guangdong, Chongqing, Nanjing, Anhui, Henan, Xinjiang, Yunnan e Xian. Tamén interveñen especialistas das tres universidades galegas, da Complutense de Madrid e da Autónoma de Barcelona, entre outros.

Neste 2017, o Foro sobre Cooperación Sino-Europea celébrase tamén en París e Roma. A elección de Galicia e Santiago como sede do encontro é froito da colaboración entre o IGADI, nomeadamente o seu Observatorio da Política China, e a CASS, o principal "think tank" de China.

Compartir: