XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno avanza na tramitación das obras de Castrón Douro e dos aparcadoiros disuasorios da Sionlla e Conxo

06/10/2017 A Xunta de Goberno novos pasos este venres cara o acondicionamento de dous novos aparcadoiros, na Sionlla e na avenida de Ferrol. Tamén se avanzou nos trámites para iniciar a licitación das obras de Patio de Madres e Castrón Douro.

No relativo ao aparcadoiro da Sionlla, o Executivo local adxudicou a súa construción á empresa VIPECA, por un importe de algo máis de 300.000 euros, IVE incluído. Este espazo de estacionamento provisional disuasorio estará ubicado na parcela EQ1 do parque empresarial da Sionlla, no contorno do establecemento Mediamarkt.

Pola súa parte, o estacionamento de Conxo estará situado nunha parcela municipal da avenida de Ferrol. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto, cun orzamento máximo de licitación de case 110.000 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de tres meses.

Obras de Castrón Douro
A Goberno local tamén deu hoxe o último paso previo ao inicio da licitación das obras de Patio de Madres e Castrón Douro. Así, acordou seleccionar esta actuación a efectos de que sexa tramitada a súa aprobación ante o Ministerio de Facenda, posto que será financiada con fondos europeos dentro da EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado.

A intervención en Patio de Madres e Castrón Douro permitirá mellorar a accesibilidade na rúa, equilibrar os espazos destinados a tránsito peonil e a tráfico rodado, e xerar novos espazos de uso público. Ademais, instalaranse contedores soterrados.

O proxecto divídese en dúas fases: a primeira dende Virxe da Cerca ata o cruce con Curros Enríquez, e a segunda dende este punto ata a conexión coa calzada de Sar. A primeira fase terá un orzamento de 1,5 millóns de euros, dos que 1,2 millóns procederán dos fondos europeos.

EDUSI
Tamén en relación coa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a creación do órgano de participación, seguimento e avaliación da EDUSI, así como as normas que rexen o seu funcionamento. Este órgano terá un carácter consultivo, informativo, de formulación de propostas e suxestións, de debate e asesor. Servirá de canle á participación cidadá e á avaliación externa dentro da EDUSI. Do órgano formarán parte representantes políticos municipais e dos ámbitos veciñal, ambiental e patrimonial, asistencial e social, e económico, empresarial e sindical.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: