ALCALDÍA

Volven os "Ao vivo" cun encontro coa veciñanza das parroquias de Marrozos, Aríns, Angrois e O Eixo

05/10/2017 Despois do parón do verán, o Goberno local retoma os "Encontros ao vivo" para render contas diante da cidadanía e para recoller as súas queixas e suxestións. Será cunha xuntanza cos veciños e veciños da área Rural Leste do municipio, que engloba as parroquias de Marrozos, Aríns, Angrois e O Eixo. O encontro será o sábado, a partir das 11:30 horas, no CSC de Marrozos.

No "Encontro ao vivo" participarán o alcalde e os concelleiros e concelleiras do Goberno, que responderán as demandas que queira formular a veciñanza da área, na que viven unhas 4.000 persoas. Como vén sendo habitual, para garantir que todos os asistentes teñan a oportunidade de falar, a xuntanza estará dirixida por profesionais da mediación. Tamén haberá un servizo de conciliación para facilitar a asistencia de toda a veciñanza.

Nove "Encontros ao vivo" ao longo do ano
Os "Encontros ao vivo" forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove "Encontros ao vivo", seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agrúpanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto do municipio.

Direccións relacionadas



Compartir: