FACENDA

Animación e información sobre os orzamentos participativos Compostela Decide, mañá na praza Roxa

05/10/2017 Este venres 6, os orzamentos participativos Compostela Decide achegaranse á praza Roxa para que a cidadanía poida consultar de xeito presencial as propostas finalistas e votalas co apoio do equipo técnico. Haberá unha zona de xogo para a xente miúda -e non tan miúda- con mesas para debuxar, recortar e imaxinar "como queres que sexa o teu barrio", así como xogos de construción.

Calquera persoa pode achegarse á carpa de Compostela Decide, onde haberá instalados oito paneis coas propostas separadas por procesos para a súa consulta. Tamén poder informarse sobre o proceso en xeral, e emitir o seu voto se o desexa, co apoio do equipo técnico.

Os orzamentos participativos atópanse agora na sa fase final, a de votación, cun total de 133 propostas repartidas en catro áreas da cidade concretas e unha que abrangue o conxunto do municipio. A maiores, hai propostas de actividades para a mocidade e para as festas do Apóstolo do ano que vén.

Para participar é preciso ter cumpridos os 16 anos e estar censada en Santiago de Compostela. No caso de que a persoa que vote sexa menor de 35 anos, empadroada ou estudante en Santiago de Compostela, tamén pode votar nas actividades de mocidade. A web decide.santiagodecompostela.gal permite o rexistro e o voto en liña de xeito sinxelo.

Cada persoa pode votar un mínimo de 3 e un máximo de 5 propostas, en orde de importancia, en cada un dos procesos nos que poida e queira votar. O prazo de votación, aberto o pasado 22 de setembro, pecharase o vindeiro domingo 15 de outubro ás 23:59 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: