ACCIÓN CULTURAL

Curtocircuíto, as Xornadas de Música Contemporánea e Galicreques centran a "Compostelánea" de outubro

05/10/2017 O número 15 da revista Compostelánea xa está nas rúas. Dende o pasado domingo, é posible facerse cunha nova entrega deste caderno turístico e cultural de Compostela na súa versión en papel ou dixital. Compostelánea naceu en xullo de 2016, froito da colaboración entre as concellarías de Acción Cultural e de Turismo, co albo de ofrecer mensualmente unha guía práctica coa que residentes e visitantes puidesen participar na programación cultural e de ocio de Santiago.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá na Casa do Concello os contidos de outubro. Fiel ao acontecer da cidade, a Compostelánea deste mes presta especial atención á décimo cuarta edición do Curtocircuíto-Festival Internacional de Cine, que transcorre do 30 de setembro ao 8 de outubro. As proxeccións, concertos e actividades paralelas do certame ocupan ás páxinas destinadas á reportaxe e é o seu director, Pela del Álamo, quen asina o artigo de opinión deste mes. A información destinada ao cinema complétase co ciclo Outono de Cine, que dá apertura á Semana de Cinema Euroárabe Amal, e coas estreas e eventos arredor do cinema que se ofrecen nas distintas salas de Compostela.

Música
Alén do eido cinematográfico, os espectáculos musicais ocupan un papel principal na programación de outubro. O comezo da tempada de abono da Real Filharmonía, a apertura das Xornadas de Música Contemporánea e o novo Ciclo de Outono da Banda Municipal de Música centran unha completa axenda musical, á que se suman sons e propostas ben diversas como o concerto de Ara Malikian, no Palacio de Congresos o 19 de outubro, ou o de Silvia Pérez Cruz, o sábado 21 no Auditorio de Galicia.

A Compostelánea garda tamén lugar para a cita habitual co blues, soul e rock and roll que brinda o Outono Códax Festival, con concertos o 26 e o 27 de outubro nas salas Capitol e Riquela. Pecha esta axenda musical a segunda edición da gala ARIMAR, unha iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, en colaboración coas secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura da Xunta de Galicia, que ten por obxecto difundir a poesía e música editadas en Galicia e Portugal e estreitar lazos entre as voces da lusofonía.

Teatro e monicreques
O programa de artes escénicas do mes ábrese con El Pintor de Batallas, de Pérez Reverte. A primeira adaptación teatral dunha novela do autor representarase este domingo 8, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia.

A semana a seguir, será o Teatro Principal o que acolla as representacións de Circo de Pulgas de Matarile. Do 12 ao 14 de outubro, ás 20:30 horas, o público compostelán poderá asistir a posta en escena desta nova obra de Ana Vallés. Como novidade, ábrese tamén un espazo para a programación de circo e maxia que comeza no Centro Sociocultural de Santa Marta, o día 14 ás 18:30 horas, co espectáculo Contiguo, danza e acrobacias da Compañía IO sobre corda lisa e corda cyr.

Entre as propostas para o público infantil e familiar, a XXII edición do Festival Internacional Galicreques trae canda si unha morea de espectáculos de monicreques do 14 ao 22 de outubro. 26 compañías galegas e doutros lugares interveñen neste certame, que ofrece numerosas funcións de balde nas rúas e prazas da cidade.

A Compostelánea de outubro complétase coa información relativa ás exposicións temporais e convocatorias artísticas. O venres día 6, ás 14:00 horas, vence do prazo para a presentación de proxectos ao Décimo Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. Esta iniciativa do Concello de Santiago ten por obxectivo a promoción de artistas emerxentes menores de 40 anos, e procura apoiar e incentivar a creación e difusión das súas obras. Tamén froito dun proceso selectivo, neste caso o da convocatoria de intervencións de artes visuais na Zona C, o mércores, día 11 ás 19:30 horas, inaugúrase o primeiro dos proxectos resultantes da escolla. A exposición Un cuarto propio, que Rosendo Cid ofrece sobre o traballo da artista Rosa Neutro, estará aberta ata o domingo 10 de decembro.

E entre as novidades turísticas do mes cómpre resaltar a nova ruta do tren turístico que percorrerá os parques da cidade do 1 ao 15 e do 20 ao 29 de outubro. Esta ruta, que parte do centro da cidade, visitará outros barrios como Sar e Conxo e permitirá baixarse para visitar espazos como a Colexiata de Sar ou a Cidade da Cultura.

Direccións relacionadas



Compartir: