EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Homenaxe ao botánico Baltasar Merino no Día da Ciencia en Galicia

04/10/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu hoxe ao acto de colocación dunha placa na honra do botánico e meteorólogo Baltasar Merino, no centenario do seu pasamento, con motivo do Día da Ciencia en Galicia. O acto, organizado pola Real Academia Galega das Ciencias en colaboración co Departamento municipal, tivo lugar no Parque das Ciencias "Isidro Parga Pondal" (San Roque).

O científico homenaxeado, nado en Burgos en 1845 e falecido en Vigo en 1917, é o autor da primeira caracterización exhaustiva da flora galega (Flora descritiva e ilustrada de Galicia, 1905), e dos primeiros traballos de climatoloxía aplicada realizados en Galicia. O seu esforzo plásmase nun herbario que se conserva parcialmente no Museo Luis Iglesias da USC. Merino foi, entre outros cargos, fundador e presidente da Sección de Santiago da Real Sociedad Española de Historia Natural.

A placa colocada en honra ao Padre Merino súmase así á dos científicos galegos recoñecidos en anos anteriores, como Ángeles Alvariño, Isidro Parga Pondal, Cruz Gallástegui ou Ramón María Aller Ulloa.

Manuel Dios expresou o seu desexo de que algún dos nenos e nenas que visitan o parque "cheos de curiosidade, de ganas de aprender, de descubrir e entender o mundo", á vista das placas dos homenaxeados queira averiguar máis sobre eles e, no futuro, investigar "o porqué das cousas que agora lle intrigan". Na homenaxe participou un grupo de alumnos e alumnas do Colexio La Salle.

Pola súa banda, o director da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Río, sinalou que o noso país "atesoura a moitos científicos que foron quen de lograr achegas significativas en numerosos eidos, mais moitos deles son moi pouco coñecidos fóra do campo da investigación". Con ese motivo lévase designando un científico cada ano ao que se lle rende homenaxe dende 2008.

Compartir: