MOCIDADE

Ábrese a inscrición para unha nova edición de "Compostela en Escena"

04/10/2017 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, e o actor e director teatral Artur Trillo presentaron o novo calendario e formato do programa Compostela en Escena, incluido nas actividades deste trimestre do Centro Xove da Almáciga. Dende hoxe mesmo e ata o día 11 estará aberto o prazo de inscrición para as tres modalidades do programa: teatro, canto e danza.

Segundo explicou Noa Morales, a principal novidade desta edición de Compostela en Escena é que "este ano non haberá casting e poderanse apuntar as persoas interesadas, ata un número total de 15 participantes por modalidade", co fin de "animar á participación de máis persoas". A actividade está dirixida a persoas entre os 16 e os 30 anos. A inscrición é de balde.

As clases teatrais estarán coordinadas por Artur Trillo e impartiranse os martes de 20:00 a 22:30 horas. Do canto encargarase Pablo García, con sesións os mércores de 20:00 a 21:45 horas. Vanesa Otero será a responsable da danza, con clases os martes e os xoves de 17:00 a 19.30 horas.

Artur Trillo explicou as características do programa de teatro, que este ano se quere impulsar especialmente. Así, estes talleres de teatro implicarán o contacto directo co público, e non só nunha posta en escena final, senón con representacións que se montarán en función da evolución do traballo, co obxectivo de que os/as participantes adquiran "seguridade nas tábaoas".

Tamén está prevista a asistencia a representacións teatrais. "A verdadeira esencia é que "os alumnos e as alumnas do taller disfruten da oferta teatral deste ano, asistindo a representacións, e que así vexan como é o contacto co público", apuntou Trillo ao respecto.

O director teatral afirmou ter aceptado esta proposta municipal porque "é un proxecto sedutor, que ademais está deseñado dende un punto de vista máis teatral e non como se só fose unha actividade de tempo libre". Trillo considerou acertado "non ter feito un casting para seleccionar as persoas participantes, cousa que animará máis á xente á participación".

Direccións relacionadas



Compartir: