MEDIO AMBIENTE

Concello, Hostalería e Compostela Inserta únense para a recollida de aceite vexetal usado

03/10/2017 A Concellaría de Medio Ambiente, a Asociación Hostalería Compostela e a empresa de inserción laboral Compostela Inserta asinaron este martes un convenio de colaboración para a recollida de aceites usados na hostalería. Para difundir esta campaña repartirase entre os hostaleiros e hostaleiras unha serie de documentos para concienciar sobre a necesidade da reciclaxe deste tipo de residuos.

Polo Concello, asinou o convenio o edil de Medio Ambiente, Xan Duro, quen indicou que "un sector como a hostalería, coa potencia que ten en Compostela, xera un residuo con moito volume como é o aceite usado". Entre os obxectivos do acordo sinalou que "se recicle axeitadamente o aceite usado en zonas habilitadas para o efecto, e apostar polo traballo dunha empresa de inserción laboral como é Compostela Inserta. Isto permite convinar a economía social e a posta en valor, aínda máis se se pode, da hostalería en Compostela".

Pola súa parte, a presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, apuntou a súa satisfacción por "colaborar nun proxecto para a mellora medioambiental e que tamén contribúe á inserción social". Ademais, engadiu, "somos un colectivo importante que pode axudar na reciclaxe destes residuos".

Finalmente, Miguel Fernández, en representación de Compostela Inserta, amosou o seu orgullo por "ter traballando neste proxecto a dúas persoas que estaban en risco de exclusión social". Tamén recalcou que, para ter a colaboración do empresariado hostaleiro, é necesaria a concienciación sobre este convenio. "Para logralo imos contar co Concello e coa Asociación Hostalería Compostela, co reparto de folletos e a colocación de pegatinas explicativas", dixo.

Fernández explicou como será a recollida do aceite. "Colocaranse uns bidóns nos centros hostaleiros, que serán recollidos cando estean cheos e levados aos puntos de tratamento indicados", indicou. Inicialmente, participan neste proxecto cen locais hostaleiros.

Compostela Inserta busca convenios similares con outros sectores, como a Universidade ou colectivos empresariais.

Compartir: