POLÍTICAS SOCIAIS E MOCIDADE

Catro novos murais de arte urbana recuperan espazos de Compostela

03/10/2017 As concelleiras de Políticas Sociais, Concha Fernández, e de Mocidade, Noa Morales, visitaron este martes dous dos catro novos murais elaborados durante as últimas semanas na nosa cidade, dentro da II edición de Muralismo en Compostela.

"Trátase do segundo ano que facemos esta iniciativa, que pretende rexenerar e recuperar espazos urbanos a través da técnica do graffiti, ao mesmo tempo que se desenvolven hábitos de vida saudables entre a xente máis moza", sinalou Concha Fernández. De feito, é o primeiro ano que se fai en colaboración co Departamento que dirixe Noa Morales.

As concelleiras visitaron a rúa de Amor Ruibal, na Pontepedriña, onde hai dous dos catro novos graffitis que foron realizados por Cestola na Cachola e Farid Rueda. Destacaron a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas en Compostela, e lembraron que o Departamento de Medio Ambiente tamén utiliza o graffiti como técnica de recuperación de espazos urbanos co proxecto R.U.A.S.

Cestola na Cachola
Xoana Almar e Miguel Peralta (a.k.a. Nömada) levan traballando conxuntamente dende 2008 baixo o nome de Cestola na Cachola, cooperativa cultural galega na que xuntos desenvolven proxectos de pintura, ilustración e muralismo combinados con outros centrados na formación e difusión de economía social e solidaria da man de Raquel Doallo, a outra pata da mesa desta cooperativa.

Os seus traballos caracterízanse por un profundo coñecemento da cor, na que predominan sutís patróns e texturas complexas, combinados con complexas composicións e a representación da figura da muller como eixo principal de gran parte das súas obras. Facianas incólumes que nos falan de antigas lendas ou historias verídicas nas que a figura feminina xoga un papel crucial do seu discurso narrativo.

Farid Rueda
Farid Rueda é un dos mellores artistas da grande escena mexicana do muralismo contemporáneo, cunha longa traxectoria e experiencia neste eido e con murais en múltiples cidades ao redor do globo. O seu traballo, curiosidade e experimentación gráfica fórono levando cara un estilo claramente figurativo, no que o tratamento da cor e as figuras de animais xogan un papel crucial.

No medio de atmosferas rechamantes, complexos patróns e ricas texturas que recordan a súa esencia mexicana, agóchase unha idea concreta, unha chamada de atención sobre a conservación do medio e de todo o que nos rodea no medio deste caos que nunca se para.

Isaac Mahow
Isaac Mahow un dos artistas urbanos máis interesantes do panorama estatal. Natural de Zaragoza, ilustrador, deseñador, tatuador e muralista, leva un longo percorrido ás súas costas e unha mochila cargadiña de complexas habilidades técnicas cunha profunda narrativa poética.

Os seus murais contan historias, normalmente ocultas, e hai que pararse a ver e a escoitar, esquecer as presas... e achegarse á parede. E volver a alonxarse para albiscar os significados das metáforas que Isaac nos revela. Amable pero certeiro, áspero e suave ao mesmo tempo.

Lula Goce
O traballo artístico de Lula Goce sempre estivo vencellando á arte efémera, en especial en espazos urbanos mediante murais ou intervencións no espazo público. Nos últimos anos pasa a centrarse máis no seu traballo muralístico e participa en moitos festivais de arte urbana como Waterford Urban Festival (Irlanda), Memorie Urbana (Italia) ou North West Walls (Bélxica), entre moitos outros, podendo atopar murais seus en moitas cidades de España, Alemaña, Portugal, Canadá, México e moitas outros países de Latinoamérica.

O seu traballo tende a afondar no íntimo a partir do público, momentos persoais e accións solitarias que amosa nas fachadas, expostas ás miradas de transeúntes e curiosos.

Direccións relacionadas



Compartir: