ALCALDÍA

O alcalde reivindica "a unión universal e eterna" de Roma e Santiago

02/10/2017 O alcalde, Martiño Noriega, reivindicou hoxe que "a diversidade é o verdadeiro valor do Camiño de Santiago, nun mundo cada vez máis interconectado no que non debemos ceder ás tentacións da uniformidade". Foi durante a inauguración do festival "Remover Roma con Santiago", na igrexa San Pietro in Montori da capital italiana.

Martiño Noriega salientou que a programación da Oficina Cultural da Embaixada en Italia que arranca hoxe "une para sempre a Roma, unha cidade eterna, con Santiago, unha cidade universal". Tamén lembrou os nexos de unión entre as dúas urbes, como a "Vía Tolosana", a ruta que parte da localidade francesa de Arles e que na Idade Media os peregrinos utilizaban para chegar a Santiago e tamén a Roma. Por último, Martiño Noriega referiuse a que as dúas cidades son destino de cadanseu Itinerario Cultural Europeo, así recoñecidos polo Consello de Europa: o Camiño de Santiago, o primeiro en obter o recoñecemento en 1987, e a Vía Francíxena, que se incorporou á lista en 1994.

Remover Roma con Santiago
Precisamente, o festival Remover Roma con Santiago foi organizado con motivo do XXX Aniversario dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa, e pretende ser unha mostra da creatividade artística ao longo dos diferentes Camiños de Santiago. Na inauguración, ademais do alcalde compostelán, participaron a directora da Real Academia de España en Roma, Ángeles Albert; o director xeral de Relacións Culturais e Científicas da Axencia Española de Cooperación Internacional, Roberto Varela; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Vía Francíxena, Massimo Tedeshi; e a responsable de Turismo do Concello de Roma, Carola Penna.

O acto pechouse cun concerto de Uxía e Sérgio Tannus, a primeira actuación dentro do ciclo Música para o Camiño, incluída no festival. Ao seu abeiro actuarán en Roma outros artistas como Kepa Junquera, Carmen Paris ou María del Mar Bonet. Remover Roma con Santiago tamén inclúe un ciclo de Cine no Camiño, que será inaugurado por Carlos Saura e contará coa participación de Oliver Laxe; un espazo de Libros para o Camiño, no que participará Manuel Rivas; e un apartado de Teatro de Rúa.

Exposición
Unha das propostas centrais do festival é a exposición Moitos camiños. Imaxes contemporáneas do Camiño de Santiago, comisariada polo director do Museo de Arte Contemporánea de Castela e León, Manuel Olveira. A mostra reúne a obra de 31 artistas de diferentes lugares polos que pasa a ruta xacobea, seleccionadas en base a catro grandes temas: o sentido e o destino da peregrinación, a experiencia de camiñar, o diálogo entre o "eu" e o mundo, e a historia do Camiño.

Entre os nomes propios da exposición figuran Xurxo Lobato, Javier Ayarza, Gabriel Díaz, Mapi Rivera, José Luis Viñas, Zoulikha Bouabdellah, ou Eugenio Ampudia. A exposición quedou inaugurada hoxe, nun acto no que tamén participou o alcalde Martiño Noriega.

Direccións relacionadas



Compartir: