CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia pon en escena a ópera "A sonámbula", de Bellini, en versión concerto

02/10/2017 A Real Filharmonía de Galicia porá en escena esta semana a ópera A sonámbula, do compositor italiano Vincenzo Bellini, en versión concerto. A orquestra ofrecerá dúas actuacións, o venres 6 na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas; e o domingo 8 no Teatro Afundación de Vigo, ás 19:30 horas. Estes concertos son unha coprodución da Real Filharmonía de Galicia e o Outono Lírico de Amigos da Ópera de Vigo, en colaboración con Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. A batuta levaraa o mestre andaluz Manuel Coves, que dirixiu boa parte das orquestras españolas e latinoamericanas.

A acción desenvólvese nunha aldea de Suíza durante o século XVIII. A humilde Amina está a piques de casar co adiñeirado Elvino, do que Lisa está namorada. O Conde Rodolfo móstrase moi galante con Amina, o que provoca os celos do seu noivo. Pola noite, Amina aparece sonámbula na habitación do conde e é descuberta por Lisa, que dá conta do escándalo a Elvino e ao resto do pobo. Ninguén cre na súa inocencia.

Elvino rexeita a Amina e, por despeito, móstrase disposto a casar con Lisa. O Conde Rodolfo tenta explicar ao pobo o fenómeno do sonambulismo, pero parecen incrédulos ata que Amina xorde, somnámbula, atravesando unha fráxil ponte colgante, poñendo en perigo a súa vida e lamentándose amargamente do abandono do seu prometido. Queda demostrada así a súa inocencia e recupera o amor de Elvino.

Co tenor mexicano Jesús León e coa soprano valenciana Marina Monzó
O papel de Elvino será interpretado pola voz do tenor mexicano Jesús León, no que será o seu debut profesional en España. Formado en Estados Unidos e en Italia, actuou coas mellores agrupacións de Europa, América e Asia. Pola súa banda, o rol de Amina interpretarao a soprano valenciana Marina Monzó, que aos seus 23 anos xa conta cunha ampla traxectoria internacional.

Completan o elenco outras grandes voces nacionais como a soprano sevillana Eva Tenorio no papel de Lisa, o baixo madrileño Felipe Bou coma o Conde Rodolfo, a mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo no papel de Teresa, o tenor coruñés Pablo Carballido coma o notario e o barítono coruñés Pedro Martínez Tapia como Alessio. Estarán acompañados ademais do Coro Gaos, que dirixe Fernando Briones e está integrado por un total de 55 voces.

Charla previa con Amigos da Ópera de Vigo e Santiago
Antes da celebración do concerto de Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director artístico de Amigos da Ópera de Vigo, Daniel Diz; e co secretario de Amigos da Ópera de Santiago, José María Miranda. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: