ACCIÓN CULTURAL

Catorce concertos conforman o Ciclo de Outono da Banda Municipal de Música de Santiago

02/10/2017 Do 8 de outubro ao 30 de decembro, a Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá 14 concertos en diferentes espazos da cidade. Alén do Auditorio de Galicia e o Teatro Principal, escenarios habituais das dúas actuacións, a banda ofrecerá dous concertos nos barrios, un na praza do Obradoiro e outro na Catedral de Santiago.

O ciclo foi presentado esta mañá na Casa do Concello pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director da Banda, Casiano Mouriño Maquieira. Branca Nononeyra destacou a colaboración da formación con outras iniciativas e programas culturais da cidade, como as Xornadas de Música Contemporáea e o festival de cinema Cineuropa, nunha estratexia de "vasos comunicantes que fortalecen a programación cultural de Compostela". A concelleira puxo tamén en valor os concertos didácticos dirixidos a estudantes de colexios de primaria e secundaria que a Banda desenvolverá no mes de novembro en colaboración da narradora Paula Carballeira, e remarcou a súa incidencia na xestación de novos públicos.

Entre as novidades da programación deste outono, Casiano Mouriño fixo referencia á posta en marcha do Ciclo de Novos Intérpretes, en colaboración co Conservatorio Profesional de Música. Nos concertos integrados nesta iniciativa, a Banda farase acompañar por unha selección de solistas realizada por medio dun concurso entre os estudantes do Conservatorio. No primeiro deles, o domingo 17 de decembro, será a óboe Mariña Palacio Fernández quen acompañe á Banda.

Casiano Mouriño destacou tamén a celebración do Concerto de Nadal na Catedral de Santiago o 28 de decembro, para o que a formación contará colaboración coa Escolanía da Catedral dirixida por José Luis Vázquez López.

Alén destas colaboracións e as doutros artistas como a dos musicólogos Beatriz e Alberto Cancela Montes e a da narradora Paula Carballeira, no Ciclo de Outono de 2017 a Banda seguirá a contar coa presenza de directores convidados, como José Alberto Pina, André Granjo ou José Antonio Guerrero González.

Unha ollada ao programa
No mes de outubro, a Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá catro concertos. O primeiro deles, titulado Unha mirada sinfónica, será o domingo 8 de outubro, ás 12:00 horas, no Teatro Principal. A seguir, o sábado 21, ás 13:15 horas, a formación desprazarase ao CSC Casa Agraria para conmemorar o seu 25 aniversario. O terceiro dos concertos de outubro, Concordanzas do Novo e o vello mundo, intégrase no programa das Xornadas de Música Contemporánea 2017. Terá lugar o domingo 22 de outubro, ás 12:00 horas, no Teatro Principal e será presentado por Beatriz e Alberto Cancela Montes. No peche do mes, a formación recibirá ao director convidado José Alberto Pina, que conducirá o concerto A música arredor do mundo. Ofrecerase o 29 de outubro, ás 12:00 h, no Teatro Principal.

Seis concertos compoñen o programa do mes de novembro. Dous deles, os do 9 e 10 de novembro, toman parte nos concertos didácticos dirixidos a centros de ensino de primaria e secundaria. A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá entre as 10 e as 12 a representación do programa A familia do Vurdalak, no que a formación contará coa colaboración de Paula Carballeira. Co mesmo programa e convidada, a Banda ofrecerá un concerto xa para público xeral o domingo 12, ás 12:00 horas, no Teatro Principal. Xusto antes, o sábado 11, ás 13:15 h, a formación participará nas festas de San Martiño, en Aríns. Os dous concertos que pechan o mes de novembro contarán coa presenza de convidados de referencia. O domingo 19, a Banda levará ao Teatro Principal o programa Territorios, baixo a dirección de André Grajo. O domingo 26, no marco do festival Cineuropa, terá lugar o concerto Música e Cine, ás 12:00 h, no Teatro Principal, con imaxes de Manuel Muñoz Hermida.

Catro novas actuacións resérvanse ao mes de decembro. A primeira delas será o domingo 3, ás 12:00 horas, no Teatro Principal. Dirixida por José Antonio Guerrero González e coa colaboración do cantaor Juan Pinilla, a formación interpretará o programa Mirando ao Sur. Tamén no Teatro Principal, ás 12:00 h, ofrecerase o domingo 17 o concerto do Ciclo de Novos Intérpretes . Con Casiano Mouriño como director e coa participación da óboe solista, Mariña Palacio Fernández.

Será o venres 28 de decembro, ás 21:00 horas, cando a Catedral de Santiago acolla a celebración do Concerto de Nadal, que a banda ofrecerá en colaboración coa Escolanía da Catedral de Santiago dirixida por José Luis López Vázquez. Finalmente, o Ciclo de Outono péchase co concerto Traslación dos restos do Apóstolo, que se celebrará o sábado 30 de decembro, ás 10:00 h, na praza do Obradoiro.

Documentos relacionados



Compartir: