ALCALDÍA

A Festa do Ensanche consolídase e amplía ata tres os días de actividades

26/09/2017 A festa Máis de 55 anos vivindo o Ensanche consolídase nesta terceira edición e amplía ata tres os días de actividades. O alcalde presentou hoxe a programación, acompañado do presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xaquín Mato; do secretario de Santiago Centro, Delmiro Prieto; e da presidenta de Em-Rede, Eva López. A festa celebrarase os días 29 e 30 de setembro e 1 de outubro.

Martiño Noriega mostrou a súa satisfacción pola consolidación da celebración, "que empezou sendo un exercicio de memoria e acabou sendo unha actividade de grande impacto no Ensanche". Para o alcalde, este é o mellor exemplo de que "un barrio organizado e os seus representantes traballando da man do Concello é unha garantía de éxito".

III Feira do Comercio
Unha das actividades centrais da festa do Ensanche é a III Feira do Comercio, que se celebrará no sábado 30 de setembro nas rúas Diego de Muros e Rodríguez Carracido. Eva López, de Em-Rede, explicou que "foi preciso ampliar o número de postos inicialmente previsto, e iso é unha boa mostra do interese que suscita esta iniciativa". A día de hoxe está confirmada a participación de 40 establecementos dos sectores máis variados, dende tendas de moda ata panaderías ou establecementos de decoración.

A potencialidade do tecido comercial do Ensanche tamén se poderá ver no desfile Moda a pé de rúa, que se recupera este ano. Será o venres, ás sete da tarde, na carpa da praza Roxa.

Ruta Ciclista
Unha das novidades da programación deste ano é a Marcha Ciclista que se vai celebrar o domingo, 1 de outubro, dende a praza Roxa. O secretario de Santiago Centro, Delmiro Prieto, explicou que o tecido asociativo do Ensanche "quere ser partícipe do compromiso con outro modelo de mobilidade". Tamén mostrou o seu desexo de que a ruta "sirva para concienciar aos condutores, pero tamén aos ciclistas, de cales deben ser as súas prácticas nas rúas para conseguir unha circulación máis segura".

A programación das festas do Ensanche complétase con exhibicións artísticas, xogos populares, mostras de baile ou pasarrúas con gaiteiros e charangas. Tamén se vai celebrar o I Torneo de Xadrez do Ensanche, e a carpa da praza Roxa acollerá a actuación de Jorge Casal, o sábado a partir das dez da noite.

Na organización da festa Máis de 55 anos vivindo o Ensanche colaboran o Concello, Raigame, Santiago Centro, Em-Rede e a Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (Apega).

Documentos relacionados



Compartir: