CONSORCIO

O Consorcio de Santiago remata as obras no claustro da Colexiata de Sar

25/09/2017 O Consorcio de Santiago acaba de rematar a obra de aplicación de revocadura de saneamento nos paramentos interiores do claustro da Colexiata de Sar. A firma que se encargou da intervención foi a Unión Temporal de Empresas SAR, por un importe global de 46.645,17 euros.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Lourdes Pérez. Explica que "os paramentos interiores do claustro estaban revocados cun morteiro de cemento desaxeitado e afectados por humidade de capilaridade, de xeito que a humidade penetraba de forma líquida nos cimentos dos muros por debaixo do nivel do chan. O muro absorbía esta humidade e os poros transportaban a auga por capilaridade ata arriba en sentido contrario á gravidade. Por riba do nivel do chan, a auga evaporábase e as sales cristalizaban e destruían a pintura e o soporte".

A Colexiata de Sar, cuxa fundación data da primeira metade do século XII, está catalogada como edificio singular no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela.

Protección das pezas artísticas de cantería expostas no claustro
Antes de actuar sobre os paramentos interiores do claustro, retiráronse as pezas artísticas de cantería que había no mesmo, co fin de protexelas. Trátase de cornixas, doelas, tapas de sarcófago e capiteis, que estaban fixadas aos muros con garras metálicas bastante deterioradas. As pezas permanecen agora almacenadas nunha estancia na planta baixa do corpo claustral, adxacente ao museo e ao claustro, ata que se avance nun programa expositivo para a súa posta en valor.

Nesta intervención substituíuse a revocadura de cemento deteriorada por unha nova revocadura deshumidificante a base de cal que permite a evaporación rápida da auga contida nos muros húmidos. O acabado final é de pintura transpirable de silicato.

Compartir: