ALCALDÍA

O Concello requírelle á herdeira de Franco a devolución das estatuas do Mestre Mateo

21/09/2017 O Goberno local vén de enviarlle a Carmen Franco Polo un requirimento para que recoñeza que as estatuas do Mestre Mateo que conserva a súa familia na Casa Cornide da Coruña son propiedade do Concello de Santiago, e para que as poña a disposición da institución municipal no prazo máximo de quince días.

O escrito, asinado polo alcalde, lembra que as figuras que representan a Abraham e Isaac pasaron a mans do ditador probablemente na década dos 50 e "non existe ningún título xurídico que lexitime aquel acto nin a posesión subseguinte das esculturas" por parte de Franco nin dos seus sucesores. Pola contra, si foi localizado o documento notarial de compravenda das estatuas, asinado polo conde de Ximonde e o Concello de Santiago en 1948.

O requirimento firmado por Martiño Noriega insiste en que as dúas obras do Mestre Mateo son "bens do dominio público municipal, que forman parte do patrimonio histórico artístico", e apunta a que o seu "destino idóneo hoxe en día sería a exhibición permanente no Museo da Catedral de Santiago".

De non obter resposta no prazo establecido de quince días, o escrito remitido a Carmen Franco Polo sinala que a Corporación municipal exercerá as accións legais procedentes en defensa dos dereitos e intereses lexítimos da cidadanía de Compostela e do seu patrimonio histórico-artístico.

Petición unánime da Corporación
Precisamente, o Pleno da Corporación municipal acordou por unanimidade reclamar a devolución das dúas figuras románicas, tal e como solicitaban os grupos municipais de Compostela Aberta e BNG na moción e na proposición que levaron á sesión de hoxe para o seu debate. Tamén se aprobou solicitar a tramitación da súa declaración como Bens de Interese Cultural. O alcalde, Martiño Noriega, apuntou que a propia Asesoría Xurídica Municipal barallaba a posibilidade da declaración BIC dentro da estratexia a seguir para a recuperación das pezas.

Relacionado coas estatuas de Abraham e Isaac, o Pleno da Corporación debatiu tamén as mocións presentadas por Compostela Aberta, PP e BNG en relación á situación do Pazo de Meirás.

As tres mocións resultaron aprobadas, aínda que con diferentes apoios. Así, as presentadas por Compostela Aberta e o BNG sairon a diante cos votos a favor destes dous grupos máis o PSOE, e coa abstención do PP. A moción presentada polo PP foi respaldada tamén polos socialistas, mentres que Compostela Aberta e BNG abstivéronse.

Documentos relacionados



Compartir: