MOBILIDADE

Santiago de Compostela celebra este venres o Día Internacional sen Coches

21/09/2017 Santiago vai celebrar mañá venres o Día Internacional sen Coches, dentro da Semana Europea da Mobilidade. Ao longo de toda a xornada, o autobús urbano será de balde para todos os usuarios e usuarias.

O Concello habilitará tamén un servizo de empréstito de bicicletas dende os dous aparcamentos disuasorios de Meixonfrío e Santa Marta e desde a estación de autobuses. Con estas medidas, preténdese animar á veciñanza a deixar o vehículo privado na casa, ao tempo que se fomenta un maior coñecemento dos modos brandos de transporte.

Semana Europea da Mobilidade
A celebración do Día Internacional sen Coches enmárcase nas actividades da Semana Europea da Mobilidade, organizadas pola Concellería de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade en colaboración con colectivos como Greenpeace, Composcleta ou Cogami.

Na programación figuran outras citas importantes como a pedalada dende a Alameda ata o Milladoiro, o sábado 23; o Día da Bicicleta, o domingo 24; ou o Día da Accesibilidade, o mércores 27. Na axenda de actividades tamén se incluíu a celebración do Parking Day, o venres 29, unha iniciativa que se levou a cabo por vez primeira o ano pasado e que converte prazas de estacionamento en espazos para o ocio da veciñanza. Desta vez será na rúa de Doutor Teixeiro.

Compartir: