COMERCIO

A escultura "Ríos de Ferro", realizada por corenta artistas da forxa, xa engalana o entorno da carballeira do Restollal

20/09/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitaron esta mañá a escultura de forxa Ríos de Ferro. A gran onda, realizada por máis de 40 ferreiros e ferreiras. Na visita estiveron os artistas Óscar Aldonza e Santiago Martínez, así como os voceiros do PSOE e o PP, Paco Reyes e Agustín Hernández.

A escultura engalana unha zona da cidade recentemente rehabilitada grazas ao obradoiro de emprego Ecotur, que acondicionou a senda peonil do Sar ao seu paso polo Parque Eugenio Granell e Novo Milenio en dirección ás Pontes de Conxo. Tal e como destacou a concelleira de Comercio, "esta peza é o resultado do esforzo de moitos e moitas ferreiras que a levaron a cabo no encontro estatal de forxa do mes de xuño na Quintana. Agora, engadiu Lois, "poderemos gozar todos e todas as veciñas de Compostela desta peza na nosa cidade, que ten un gran valor artístico".

Pola súa banda, Chago Martínez destacou a "inmensa calidade deste traballo", que cualificou de "irrepetible", posto que nel traballaron os mellores artistas da forxa, "concretamente 7 dos 10 mellores do Estado, entre os que destacan Miquel Xirau". Finalmente, Óscar Aldonza quixo explicar o significado da peza, que "mestura a debilidade da auga coa dureza do ferro". Aldonza remarcou a importancia de que a escultura se coloque á beira do río Sar e nunha zona como a carballeira do Restollal.

Compartir: