ALCALDÍA

A Xunta Local de Seguridade avalía as medidas adoptadas tras os atentados de Cataluña

20/09/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, presidiron este mércores unha reunión da Xunta Local de Seguridade, convocada a petición do Concello.

Un dos asuntos centrais da xuntanza foi a avaliación das medidas adoptadas despois dos atentados terroristas de Cataluña, no pasado mes de agosto. O subdelegado do Goberno na Coruña explicou que "seguindo as indicacións do Ministerio do Interior, seguiremos traballando na identificación dos puntos sensibles e apostando pola coordinación entre as distintas forzas e corpos de seguridade". Jorge Atán sinalou que "o Concello de Santiago vén instalando diferentes elementos fixos como bolardos ou maceteiros, que se complementan con dispositivos móbiles que tamén serven para garantir a seguridade, coma os furgóns policiais".

Pola súa banda, o alcalde explicou que "o Concello seguirá traballando baixo a máxima da discreción, porque transparentar as medidas de seguridade é contraditorio". Martiño Noriega tamén agradeceu "o bo clima de colaboración entre todas as administracións e as forzas de seguridade dende o primeiro día dos atentados de Barcelona".

O subdelegado do Goberno na Coruña tamén confirmou ao remate da Xunta Local de Seguridade que se ten tramitado, a petición do Concello, a solicitude para que a Unidade de Intervención Policial permaneza en Compostela cando menos no mes de outubro. Jorge Atán lembrou que a decisión "depende das prioridades e das necesidades da propia Policía Nacional, pero é certo que a súa presenza contribúe a mellorar as medidas de seguridade pasivas neste momento de alerta 4 reforzada".

Infraccións penais
A reunión de hoxe tamén serviu para revisar os índices de criminalidade en Compostela. O subdelegado do Goberno explicou que "se manteñen nos niveis de anos anteriores, porque o lixeiro aumento das infraccións penais nos primeiros meses do ano compensouse coa caída do 8% en agosto".

Ao respecto, o alcalde lamentou especialmente o aumento das infraccións penais relacionadas coa violencia de xénero, en algo máis dun 4% no que vai de ano. Martiño Noriega sinalou que "aínda que se relaciona este aumento coa maior concienciación social que anima de denunciar máis, non podemos baixar a garda".

Por último, na Xunta Local de Seguridade abordouse o problema das redes de mendicidade organizada que operan en Santiago. O alcalde apuntou que xa se está a traballar para frear a estes profesionais, "porque hai casos nos que a mendicidade fraudulenta é evidente para calquera veciño ou veciña de Compostela".

Compartir: