MOBILIDADE

Santiago celebra a Semana da Mobilidade para "avogar por unha cidade máis accesible e inclusiva"

19/09/2017 Santiago vai celebrar a Semana Europea da Mobilidade cun amplo programa de actividades que se vai desenvolver do 20 de setembro ao 1 de outubro. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, presentou hoxe o calendario de accións, que "teñen como obxectivo sensibilizar á cidadanía sobre o reto de construírmos colectivamente unha cidade accesible, inclusiva, respectuosa co medio, próxima e saudable". O edil estivo acompañado por Diego Cidrás, representante de Greenpeace; Faustino Gómez, de Composcleta, e Susi Pérez, de Amico, entidades que colaboran nas distintas actividades.

A celebración da Semana da Mobilidade comezará o mércores 20, coa proxección do documental Bikes vs Cars no Museo da Cidade, na praza de Praterías. Trátase dun filme, dirixido polo sueco Fredrik Gertten, que mostra como activistas e pensadores de todo o mundo se organizan para conseguir cidades máis sustentables e utilizan a bicicleta como arma para iso, enfrontándose á poderosa industria automobilística.

A proxección será a partir das 20:00 horas e, despois de ver o documental, haberá un coloquio sobre o modelo de cidade.

Día Internacional sen Coches e Día da Bicicleta
Santiago tamén celebrará o Día Internacional sen Coches, o 22 de setembro. O uso do transporte urbano será gratuíto ao longo de toda a xornada, e tamén haberá empréstito de bicicletas dende os dous aparcamentos disuasorios de Meixonfrío e Santa Marta e dende a estación de autobuses. Jorge Duarte mostrouse convencido de que este día será "unha boa oportunidade para coñecer a rede de transporte urbano e ver que pode responder ás necesidades da maioría da veciñanza".

Para o sábado 23 está prevista a celebración dunha pedalada dende a Alameda ata o Milladoiro, e regreso ata Conxo. Alí organizarase un picnic de convivencia. O roteiro está organizado por Composcleta e comezará ás once da mañá. O obxectivo é, segundo apuntou Faustino Gómez, mostrar que "os deseños urbanos non tiveron nunca en conta que existe outros modelos de mobilidade máis alá do coche".

Tamén no sábado 23, a partir das cinco da tarde celebrarase unha actividade dirixida aos nenos e nenas, vinculada ao programa Compostela Territorio Xogantín. Será na praza 8 de Marzo, a partir das cinco da tarde. A acción "A rúa é nosa" pretende animar os nenos e nenas a xogaren na rúa, porque "teñen que experimentar e gozar do contorno, tal e como defende Francesco Tonucci no seu libro A Cidade dos Nenos.

A bicicleta será a protagonista das actividades previstas para o domingo 24 de setembro, que terán como epicentro a rúa da Virxe da Cerca. Haberá unha pedalada urbana por un circuíto de algo máis de 16 quilómetros, un paseo xincana, bicixogos, e mesmo unha sesión vermú. O programa desta xornada conta tamén coa colaboración da asociación Composcleta. O concelleiro recordou "a clara aposta que vén facendo o Goberno pola bicicleta, traducida en medidas como a instalación de máis aparcabicicletas e a sinalización das plataformas avanzadas para este tipo de vehículo nalgúns semáforos da cidade". Jorge Duarte fixo un chamamento á veciñanza a participar neste Día da Bicicleta e "mostrar que este é un medio de transporte que pode ser utilizado de forma continua".

Mobilidade eléctrica e accesibilidade
Na axenda da Semana Europea da Mobilidade para o luns 25 recóllese unha nova proxección no Museo da Cidade, seguida por un coloquio sobre o urbanismo dende unha perspectiva de xénero. Desta vez poderase ver Wadja, a bicicleta verde, a primeira película filmada por completo en Arabia Saudí e dirixida por unha muller, Haifaa Al-Mansour. Nela móstranse algúns dos aspectos máis conservadores da sociedade saudita, en especial os que coartan a liberdade da muller na súa educación e nas súas liberdades. Faise a través da sinxela historia dunha nena, Wadja, que se encapricha dunha bicicleta para competir nunha carreira, e que se ten que enfrontar a toda a sociedade que entende que as bicis atentan contra a dignidade feminina.

O martes 26 será o Día da Mobilidade Eléctrica. Na Alameda haberá unha exposición de vehículos eléctricos que se poderá visitar de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Jorge Duarte lembrou o compromiso do Goberno local no fomento deste tipo de vehículos, posto que "entendemos que son fundamentais para conseguir o obxectivo de reducir á metade a emisión de gases de efecto invernadoiro en 2030".

Ao día seguinte, mércores 27, celebrarase o Día da Accesibilidade, en colaboración con Cogami, e baixo o lema "Ponte no meu lugar". A actividade central será un percorrido en cadeira de rodas pola cidade, que terá a súa saída na Carreira do Conde. Susi Pérez indicou que esta actividade "dálle visibilidade ás dificultades ás que se enfrontan a diario persoas con mobilidade reducida nas rúas de Compostela, mesmo nas máis céntricas e reurbanizadas". O concelleiro de Mobilidade salientou que "o roteiro tamén permitirá facer unha comparativa entre a rúa de Montero Ríos, que se reurbanizou baixo estritos criterios de accesibilidade, e outros puntos da cidade".

Os percorridos en cadeira de rodas completaranse, ao día seguinte, coa proxección da película Intocable no Museo da Cidade, seguida dun coloquio sobre accesibilidade universal.

Parking Day e mobilidade peonil
No venres 29 celebrarase o Parking Day, en colaboración con Greenpeace. Trátase dunha actividade que se estreou o ano pasado en Santiago e que pretende denunciar que "máis do 60% do espazo das cidades está reservado para a circulación de vehículos ou o seu aparcamento". Diego Cidrás indicou que se pretende mostrar "o espazo que se gañaría para as persoas se as rúas das cidades non tiveran que ser reservadas para o depósito de vehículos". Será na rúa de Doutor Teixeiro, a partir das cinco da tarde.

As actividades da Semana Europea da Mobilidade rematarán o domingo 1 de outubro cunha andaina pola cidade para fomentar a mobilidade peonil. Será un percorrido que arrancará ás 10:30 horas da Alameda e que terá unha duración aproximada de dúas horas. Trátase de animar á veciñanza a "coñecer a cidade andando, e mostrar que as distancias en Santiago non son tan longas".

A Semana Europea da Mobilidade está impulsada pola Comisión Europea dende o ano 2000 e celébrase co obxectivo de promocionar a mobilidade sostible e o desenvolvemento de boas prácticas que contribúan a paliar os problemas derivados do aumento do tráfico nas cidades.

Compartir: