ACCIÓN CULTURAL

Peter Greenaway, convidado especial en Curtocircuíto

18/09/2017 Faltan doce días para a chegada da décimo cuarta edición de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine, a edición máis completa e cargada de actividades, proxeccións e célebres convidados. Un dos pratos fortes este ano será o controvertido cineasta Peter Greenaway.

Nado en Gales en 1942 e con formación como pintor e muralista, o excéntrico director, guionista e produtor británico foi definido polo director do festival, Pela del Álamo, como "un cineasta que, partindo da pintura, é quen de desenvolver todas as súas inquedanzas formais nunhas primeiras obras experimentais nas que desenvolveu unha linguaxe que foi evolucionando a un cinema máis narrativo e accesible para todos os públicos. Esta versatilidade convérteo nun dos directores máis destacados na década dos 80 e dos 90".

Considerado unha das personalidades máis excéntricas do cinema británico, é recoñecido pola súa persoal interpretación da realidade. Segundo o director de Curtocircuíto, o seu cinema "combina a personalidade do cinema experimental coa accesibilidade das propostas máis narrativas. El é quen de combinar, como poucos cineastas contemporáneos, esas dúas vertentes. A súa formación interdisciplinaria encaixa á perfección co carácter interdisciplinario ao que tende, ano tras ano, Curtocircuíto".

O nome de Greenaway súmase así ao doutros directores ilustres que visitaron o festival en edicións anteriores, como Aki Kaurismaki, Jorgen Leth e Abel Ferrara, e, o mesmo que eles, participará nun encontro co público o sábado 7 de outubro no Teatro Principal ás 17:00 horas. No devandito encontro, Greenaway, empregará fragmentos das súas películas para realizar un percorrido pola súa filmografía, ao tempo que responderá as preguntas do público. Ás 18:30 horas, no mesmo teatro, presentará unha proxección de pezas dirixidas por el para, a continuación, participar nun coloquio cos asistentes.

A presenza de Greenaway únese a doutros cineastas habituais do circuíto internacional, que teñen películas seleccionadas na competición, como o galego Lois Patiño (quen estrea en Galicia a súa última obra, Fajr), Jessica Sarah Rinland, Gabriel Abrantes, Jennifer Reeder, Yann González, Rainer Kohlberger, Rosa Barba, Ben Rivers, Mike Holboom (quen foi o protagonista da retrospectiva do festival en 2014) ou Salomé Lamas. Unha escolma representativa da heteroxénea escena audiovisual galega tamén formará parte do elenco presente nesta décimo cuarta edición, con traballos de cineastas como Adrián Canoura, Jaione Camborda, Tono Mejuto, Diana Gonçalves, Claudia Costafreda, Noemi Chantada, Marcos Flórez, Lois Patiño, Iván Nespereira e Fon Cortizo. A eles hai que engadir a compostelá Helena Girón, quen co-dirixe xunto a Samuel Delgado Plus Ultra, obra estreada no pasado festival de Locarno que compite na sección Radar.

Direccións relacionadas



Compartir: