POLÍTICAS SOCIAIS E MOCIDADE

Compostela acolle o segundo Festival de Muralismo e Graffiti ata o 24 de setembro

15/09/2017 As concelleiras de Mocidade, Noa Morales, e de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentaron o II Festival de Muralismo e Graffiti de Santiago. O festival, leva título Compostela Contemporánea, celébrase do 15 ao 24 de setembro. Inclúe actividades como a creación de graffitis e murais e conferencias sobre a arte urbana.

Os dous departamentos municipais implicáronse neste festival co fin de que a xente practique "ocio saudable para a xente nova", en palabras de Concha Fernández. Noa Morales sumouse a este obxectivo e, entre as actividades do programa, destacou a mesa redonda que acollerá o Centro Xove da Almáciga o domingo 24 de setembro.

Dous dos organizadores, Javier Mourón e Sokram, ambos os dous artistas destas modalidades, foron os encargados de detallar o programa o obxectivos do festival. Así, Mourón destacou o desexo de "poñer en valor espazos en desuso para pensar no valor que terán logo de seren pintados".

Sokram debullou como serán as master class, impartidas entre outros por Cestola na Cachola (Santiago), Isaac Majó (Zaragoza) e Farim Rueda (México). Estas clases maxistrais serán de dez participantes, que ao final pintarán murais en lugares como centros de ensino ou centros sociais.

Tamén haberá actuacións musicais na praza 8 de Marzo (rúa de San Pedro) o venres 22 de setembro, con Alto Asalto, Xenderal e 2Pasos & Thomas Dylan.

As actividades pecharanse o domingo 24 de setembro con conferencias dos artistas convidados. Toda a información pode consultarse na web do festival: www.compostelacontemporanea.com.

Direccións relacionadas



Compartir: