FACENDA

O Goberno local confirma as garantías e a seguridade do proceso dos OP

14/09/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, explicou este xoves o proceso de verificación, seguridade e garantías do proceso de Orzamentos Participativos, que o vindeiro venres día 22 de setembro entrarán na fase final de votación.

María Rozas insistiu de novo na explicación dada polo Goberno local no mes de xullo, cando a Axencia de Protección de Datos solicitou información ao Concello polo caso de dúas persoas (un matrimonio) que denunciaron a súa incorporación ao proceso sen dar autorización. Tal como lembrou a concelleira, "este caso foi detectado pola propia empresa e polo Concello grazas ao sistema de verificación existente no proceso, que é dos máis garantistas que hai nos orzamentos participativos do Estado".

A concelleira de Facenda explicou que, cando se detectan posibles irregularidades, iníciase un proceso para comprobar a identidade das persoas e, no caso de que non se poida contactar con elas, danse automaticamente de baixa. Ademais, Rozas negou a existencia de tráfico ou cesión ilegal de datos.

O proceso de votación estará aberto do 22 de setembro e ata o 13 de outubro.

Direccións relacionadas



Compartir: