POLÍTICAS SOCIAIS

O III Camiño da Diversidade mobilizará varios centos de peregrinos este sábado

14/09/2017 A Fundación Ingada, Instituto Galego de TDHA e Trastornos Asociados, convoca o III Camiño da Diversidade, para a sensibilización da sociedade sobre a diversidade das persoas e que a vexan coma un valor. A marcha será este sábado 16 de setembro. Partirá ás 10:00 horas, dende A Escravitude (Padrón) ata Santiago. Entre as actividades desta edición haberá fotografía, música e sensibilización co medio ambiente.

O inicio deste III Camiño da Diversidade será na Escravitude, onde o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, dará a benvida aos peregrinos nun acto no que se lerán poemas de Rosalía de Castro. Posteriormente, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, unirase no Milladoiro á expedición, para camiñar con eles ata a praza do Obradoiro.

Os/as participantes, que estarán acompañados pola Asociación Cultural Trópico de Grelos, serán recibidos no Obradoiro por representantes municipais. Logo lerán o Manifesto pola Diversidade.

Haberá un Mural da Diversidade onde, quen o desexe, poderá deixar unha mensaxe. Aquelas persoas que queiran participar nesta iniciativa pode inscribirse na web da Fundacion Ingada.

Camiño Portugués e coidado do medio ambiente
O percorrido deste ano correspóndese coa última etapa do Camiño Portugués. Neste traxecto realizarase un concurso de selfies, cuxas bases figuran tamén na web da Fundacion. No pavillón municipal do Milladoiro farase unha parada para comer, amenizada polo grupo Ribas do Sil.

Durante este III Camiño tamén haberá actividades relacionadas co coidado do medio ambiente, baixo o lema "Residuo Cero e Economía Circular".

Direccións relacionadas



Compartir: