ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal acolle a estrea de "A canción do elefante", de Redrum Teatro

12/09/2017 Do mércores 13 ao sábado 16 de setembro, ás 20:30 horas., a compañía Redrum Teatro estrea en Compostela a súa nova produción teatral. A canción do elefante é un thriller de corte psicolóxico, inspirado na obra orixinal The elephant song, do canadense Nicholas Billon. Álex Sampayo dirixe unha peza desacougante e precisa, cunha traballada construción dos personaxes ás que poñen corpo e voz Ernesto Chao, Guillermo Carbajo e Patricia Vázquez.

A estrea foi presentada esta mañá na Casa do Concello, nun acto que conduciu a primeira tenente de alcalde, María Rozas, e no que participaron tamén Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Álex Sampayo, director da peza teatral, e Guillermo Carbajo e Ernesto Chao, dous dos seus protagonistas.

Sampayo describiu a obra como unha "matrioska teatral" , un xogo no que cada pista leva a outra até conseguir un espectáculo magnético que atrapa ao público na butaca. O director salientou tamén o intenso duelo psicolóxico que a obra tende entre os personaxes interpretadas por Carbajo,- no dun doente recluído nun complexo psiquiátrico, e Chao no papel do seu psiquiatra, o Doutor Villaverde.

Tal como se indica na sinopse, un eminente psiquiatra desaparece da súa consulta. A última persoa que o ve é Miguel, un doente obsesionado cos elefantes. Malia a reticencia da enfermeira xefe do hospital, o doutor Villaverde asume o coidado do enfermo, disposto a obter del respostas sobre o colega desaparecido.

A canción do elefante é a oitava produción de Redrum Teatro, unha compañía compostelá que, dende a súa fundación en 2009, levou aos escenarios obras de suspense como A pensión, protagonizada por Rosa Álvarez; os espectáculos familiares Moito conto, Roedores e A nena que quería navegar, e comedias como Curriculum vitae, Amor flexible e Noiteboa.

As entradas para as catro funcións desta semana no Teatro Principal xa están a venda no despacho de billetes e na web de Abanca. O prezo de cada unha delas é de dez euros.

Compartir: