ACCIÓN CULTURAL

A II edición do festival HerDanza incide na reflexión creativa a través de obradoiros formativos e conversas con artistas

08/09/2017 As compañías compostelás de danza Can Cun Quinqué, Cisma e La Incidente DT poñen en marcha a segunda edición do festival herDanza, unha iniciativa que desenvolven coa colaboración do Concello de Santiago, o Auditorio de Galicia, a USC e o Museo do Pobo Galego, e na que contan co apoio doutros axentes culturais da cidade, como Numax e a SaLa Montiel.

Do 11 ao 16 de setembro, e co albo de dinamizar e promover a danza contemporánea, herDanza ofrece obradoiros formativos, proxeccións, residencias creativas, conversas con profesionais e espectáculos de pequeno e mediano formato en claustros, rúas e espazos abertos da cidade. A concelleira de Mocidade, Noa Morales, conduciu este venres o acto de presentación do festival na compaña de Isabel Sánchez, Xiana Vilas e Leodán Rodríguez, equipo de dirección de herDanza.

Morales salientou a posta en valor de Compostela como espazo escénico, a través do espallamento da programación por locacións singulares da cidade como as prazas de Salvador Parga, e Mazarelos, o claustro da Facultade de Xeografía e Historia ou Museo do Pobo Galego.

Os espectáculos abertos ao público seguen a ser o punto forte do festival, con actuacións de numerosas formacións galegas e artistas emerxentes. Leodán Rodríguez, bailarín co-director de herDanza, puxo o foco na calidade dos espectáculos que se poderán ver estes días. Seis actuacións de acceso libre que culminan na representación de Imprevisibles, unha improvisación colectiva con música en directo na que participan creadores e intérpretes coñecidos na escena galega de danza como Leodán Rodríguez, Isabel Sánchez, Paula Quintas, Xiana Vilas, Mónica de Nut ou Luis Martins.

Afondar na conexión da danza con outras disciplinas artísticas e reflexionar sobre a súa repercusión social é, segundo Isabel Sánchez, bailarina coreógrafa e co-directora de herDanza, o obxectivo ao que se dirixen as actividades paralelas deste ano. Amais das conversas con profesionais do sector, xa presentes na primeira edición do festival, inclúense proxeccións audiovisuais.

Tamén parte da dirección do festival, a coreógrafa e bailarina Xiana Vilas salientou a importancia das actividades formativas como medio de achegar a danza a novos públicos e dende novos puntos de vista. Vilas destacou, neste senso, a colaboración que o Espazo de Danza da USC mantén coa presente edición, na que se converte en sede dos talleres de formación.

Obradoiros formativos
As actividades de formación abren a programación do festival. Do luns 11 ao venres 15, o estadio de atletismo da USC convértese en marco dos obradoiros Traballando dende o mapa, impartido por Esther Latorre e Hugo Pereira; Corpo en movemento, con Amparo Novás; e Descubrir, xogar, construír, por conta de Ruth Oblanca e Ángel Zotes.

Información sobre horarios, dispoñibilidade de prazas e prezos de inscrición en: herdanzafestival@gmail.com.

Conversas e proxeccións
O martes 12, ás 20:30 horas, comezan as sesións de conversa. De balde e con sede na SaLa Montiel, procuran conectar ao público con artistas e axentes profesionais do sector da danza. Na primeira delas, o director e produtor Damián Varela e o bailarín e coreógrafo Diego Buceta conversan sobre o proxecto NIDO – Rizoma 2016, de Sharon Fridman. A sesión inclúe a proxección do documental que Varela fixo sobre o citado proxecto no que tamén Buceta participou como bailarín.

O mércores 13, ás 20:30 horas, a segunda das conversas congrega á psicóloga e actriz Ruth Oblanca e á co-fundadora de NUS Teatre Andrea Calsamiglia Madurga, para tratar do papel das artes escénicas como ferramenta de transformación social.

As sesións de cinema conclúen o día 14, ás 21:30 horas, na Casa do Matadoiro, coa proxección de Danza Sur - Escena Contemporánea (David González Cifuentes e Tamara González Marchant, 2015), un documental rexistrado entre 2013 e 2014 en Chile, Ecuador, Perú, Bolivia, Paraguai, Uruguai, Brasil e Arxentina, que afonda nas prácticas persoais e colectivas de 130 creadoras e creadores de danza.

Espectáculos
Do 14 ao 15 de setembro, bailarinas e bailaríns fan de Compostela o seu escenario. Así, o xoves 14, ás 20:00 horas, a compañía Glovo, de Esther Latorre e Hugo Pereira, leva á igrexa das Ánimas o espectáculo Mapa.

O venres 15 reserva ás/aos asistentes tres novas actuacións. Ás 18:30 horas, Paula Quintas, da compañía trasPediante, interpreta a peza Analepsis no cemiterio de Bonaval. Ás 20:00 horas, a compañía Emesis Colectiva ocupa a praza de San Martiño Pinario coa representación de Alteridad, sobre a posibilidade de se "re-coñecer" e "auto-coñecer" nun mundo que favorece a deshumanización dos "outros". Ás 21:30 horas, a praza da Inmaculada recibe a compañía Prácido Domingo, coa danza Non hai que ser unha casa para ter pantasmas.

Outras dúas intervencións terán lugar o sábado 16. Ás 20:00 horas, María Move representa Toda a beleza do mundo nos arcos de Bonaval, unha peza que xoga co tempo, o corpo e o cambio. No peche do festival, Leodán Rodríguez, Isabel Sánchez, Paula Quintas e Xiana Vilas, fanse acompañar de artistas como Ángel Zotes, Mónica de Nut, Brais Bassave e Luis Martins en Imprevisibles, un "encontro de diferentes bailaríns improvisando no aquí e no agora. Unha composición xerada nun momento efémero e que non se pode repetir. Un espectáculo en constante cambio".

Numax, libraría oficial do festival herDanza
Entre as novidades da II edición de herDanza, figura a colaboración de Numax co festival. Do 11 ao 16 de setembro, a libraría disporá dunha selección específica de bibliografía e materiais diversos relacionados coa danza.

As firmas Gadis, Adegas Galegas e Torre de Núñez figuran entre os patrocinadores do festival, que tamén conta con establecementos colaboradores como La Alacena de Cris, La Gustosa, Garum , O Catro ou O Mundial.

Direccións relacionadas



Compartir: