EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música presenta a súa orquestra

14/12/2006 Con motivo do Nadal, a Escola Municipal de Música preparou unha serie de actividades, que pretenden dar a coñecer o traballo que se realiza neste centro. Un conto musical en colaboración co Centro Especial de Xordos, un curso de musicoterapia e un concerto da orquestra e coro do centro son os eventos programados.

As actividades comezan o xoves 14, coa representación do conto musical "O Circo", a cargo do Centro de Educación Especial de Xordos de Santiago e o Cordo da Escola Municipal de Música. Segundo a directora do centro, Montse Merino, "este conto é unha mostra de que é posible traballar a partir da música e integra nela a persoas sen audición; apóiase nas posibilidades das persoas, non nas súas limitacións". Así, a musicoterapia non fala de discapacidades senón de necesidades e posibilidades diferentes.

O grupo de alumnas/os do CEE de Xordos de Santiago está composto por dez adolescentes con discapacidades como retraso mental, xordeira, espectro autista, etc. A cita é no CEE ás 18:30 horas.

A segunda das actividades terá lugar ao longo de todo o día 16 de decembro no salón de actos da Escola. Trátase do terceiro curso de musicoterapia no ambito educativo, dirixido a profesores de música psicopedagogos, psicólogos e todos aqueles profesionais que queiran experimentar a función terapéutica no seu ámbito educativo. O obxectivo do curso é coñecer as distintas técnicas de improvisación musical e os métodos terapéuticos básicos e as súas funcións.

Finalmente, o mércores 20, ás 19:00 horas, o Teatro Principal acollerá a presentación da recentemente constituída orquestra da Escola Municipal de Música. Será cun concerto titulado "A música da fantasía", que fará un percorrido pola historia das músicas que acompañan as imaxes dos debuxos animados e películas infantís de distintas épocas, como Heidi, Marco, O libro da selva ou Mary Poppins, entre outros.

Xunto coa orquestra e co coro participarán alumnos de musica e movemento e profesores da Escola. Haberá cancións, pequenos actores, pequenas coreografías, audiovisuais e música.

Compartir: