MOBILIDADE

A prohibición de circular polo último tramo da avenida de Xoán XXIII e San Francisco limítase aos vehículos "de paso"

07/09/2017 A circulación pola avenida de Xoán XXIII no tramo que vai dende o Burgo das Nacións ata Entrerríos estará permitida a partir do próximo luns para os vehículos que teñan o seu destino nestas dúas rúas, e seguirá estando prohibida para os demais condutores e condutoras. Así o anunciou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade. Jorge Duarte explicou que a intención do Goberno local "é seguir testando como funcionan estas modificacións, co obxectivo de mellorar a convivencia no contorno de San Francisco".

O edil lembrou que, dende comezos de 2016, "este ámbito está sinalizado como zona de preferencia peonil, e por iso tamén se reduciu a velocidade permitida". Jorge Duarte explicou que "os vehículos que menos respectan esta sinalización son precisamente os de paso, e por iso o obxectivo é eliminar este tráfico".

Jorge Duarte incidiu en que se permitirá a circulación polo último tramo de Xoán XXIII e por San Francisco de colectivos concretos, como os usuarios do aparcadoiro municipal de Xoán XXIII; do CEIP López Ferreiro; das facultades de Maxisterio, Enfermería e Medicina; da Biblioteca Ánxel Casal; do Centro de Saúde de Galeras; dos hoteis San Francisco e Hostal dos Reis Católicos e dos condutores e condutoras que queiran estacionar na zona de residentes de Costa Vella. Tamén poderán seguir circulando pola zona os vehículos de carga e descarga.

Datos satisfactorios
Jorge Duarte mostrou a súa satisfacción cos datos relativos ao paso de vehículos durante a peonalización branda que se puxo en marcha o 10 de xullo. Así, o concelleiro sinalou que, na semana do 20 de maio ao 4 de xuño, por San Francisco pasaron 53.800 vehículos, fronte aos preto de 9.700 da semana do 14 ao 20 de agosto.

Para o edil, estas cifras xustifican a decisión de prolongar as medidas de calmado de tráfico, "tendo en conta as necesidades dos colectivos máis afectados e que agora terán permitida a circulación"-

Mellorar a convivencia
Jorge Duarte lembrou que "o Concello de Santiago ten aprobado un Pacto pola Mobilidade, consensuado entre os catro grupos da Corporación e traballado tamén con outros moitos colectivos da cidade que recoñece como prioritario acadar unha presenza equilibrada e racional do vehículo privado dentro da cidade, e que aposta por medidas que reduzan o tráfico de paso pola cidade". A peonalización branda de San Francisco é unha desas medidas, "nun ámbito ademais no que se levan buscando diferentes solución dende hai anos".

Nese sentido, Duarte lembrou que xa en 2002 se intentou separar o tránsito peonil dos vehículos a través dunha varanda con pivotes e luminarias; en 2010 optouse por colocar bancos e árbores que separaran os espazos; e en 2013 volvéronse acometer pequenas modificacións na rúa para mellorar a seguridade dos peóns. Para o concelleiro de Mobilidade, "calquera solución para mellorar a convivencia entre coches e peóns no ámbito de San Francisco pasa por reducir o tránsito de vehículos".

Compartir: