CENTROS SOCIOCULTURAIS

Luz Castro presenta "O home definitivo" na Trisca

14/12/2006 O Centro Sociocultural da Trisca inaugura o próximo venres 15 de decembro, ás 20:30 horas, a exposición "O home definitivo", de Luz Castro. Esta mostra estará aberta ao público ata o 22 de xaneiro. Ademais percorrerá diferentes centros socioculturais da cidade durante os vindeiros meses.

A artista, Luz Castro, combina neste traballo fotografía, texto e deseño. "O home definitivo" é unha proposta irónica de publicidade-ficción cunha comunicación próxima ao público, onde aborda un tema cotiá das relacións de xénero: as expectativas e desexos da muller na busca do home ideal.

Esta mesma exposición forma parte dun traballo presentado en marzo de 2006 na Galería A Velha-a-Branca de Braga (Portugal).

Luz Castro, de 34 anos, compaxina a súa profesión de informática con diferentes proxectos culturais. É cooeditora do fanzine independente "300". No eido artístico desenvolveu varias exposición onde trata a busca da persoa e da identidade a través do propio corpo.

O acto de inauguración será presentado pola concelleira de Centros Socioculturais Mercedes Rosón. Estará tamén a autora, Luz Castro, que explicará o sentido da súa proposta.

Compartir: