IGUALDADE

A Deputación da Coruña súmase á campaña "En negro contra a violencia"

06/09/2017 A Deputación da Coruña vén de adherirse á campaña En negro contra a violencia, unha iniciativa xurdida en 2015 no Concello de Santiago e á que se sumaron o ano pasado 17 concellos de toda Galicia.

A responsable da área de Igualdade do ente provincial, Ánxela Franco, confirmou o apoio aos concellos no desenvolvemento desta campaña de concienciación contra a violencia machista. No día de onte reuníronse, na sede da Deputación da Coruña, representantes dos concellos da provincia que forman parte da campaña de cara a coordinar e organizar a que se realizará neste ano.

Vinte e cinco concellos da provincia, o que supón a metade dos participantes en total, incorpóranse á campaña En negro que se difunde en espazos públicos e, de maneira especial, no sector do comercio. Pola importancia que ten a campaña na concienciación sobre a violencia machista, a Deputación apoiará os concellos para que a imaxe negra de denuncia se expanda".

Na xuntanza participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a deputada provincial Ánxela Franco; a alcaldesa de Muros, Mª Xosé Afonso ou a deseñadora da campaña, Uqui Permui. Marta Lois amosou a súa satisfacción porque a Deputación se adhira a esta campaña e destacou que "para loitar contra a violencia machista é precisa a unión de todos e todas sen fixarnos nas cores políticas".

Dende o ano 2015
Esta campaña naceu en novembro do 2015 como unha forma de visibilizar a lacra que supón a violencia machista na nosa sociedade. Con esa premisa nacía Compostela en negro, a través da cal máis de 300 comercios se tinguiron de negro na nosa cidade durante a semana do 19 ao 25 de novembro.

Debido ao éxito da campaña -grazas ao interese e á implicación das entidades, comercios e establecementos que participaron- dende o Concello de Santiago tomouse a decisión de ampliar Compostela en negro e estendela a outros concellos de Galicia. Así, en 2016 foron 17 os municipios que se sumaron, localidades das catro provincias galegas e de todas as cores políticas: A Coruña, Allariz, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas.

No caso de Compostela, pasouse de 326 a 500 establecementos e entidades adheridas, entre as que se atoparon entidades deportivas, hoteis, cafeterías... e tamén a propia Catedral de Santiago, que colocou unha gran faixa na zona central.

Compostela en negro pasaba entón a chamarse En negro contra as violencias e un total de 2.737 establecementos e entidades de toda Galicia tinguíronse de negro sumándose á campaña. Para aqueles concellos que non asistiron e queiran recibir máis información ou participar, poden enviar un correo ao enderezo electrónico territoriodasmulleres@santiagodecompostela.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: