MOCIDADE

Máis de 200 músicos e músicas participarán este sábado na terceira edición do festival Rock is Dead

05/09/2017 A III Edición do festival Rock is Dead foi presentada este martes por Noa Morales, concelleira de Mocidade, e por Iago Otero, representante da entidade organizadora, Mad Ghost. Esta nova edición celebrarase no parque de Belvís este sábado 9 de setembro, a partir das 13:00 horas. Ademais de música, haberá moitas máis actividades.

Nesta terceira edición do Rock is Dead participarán 215 músicos/as de rock e estilos primos do rock. Todas as actividades realizaranse no parque de Belvís a partir das 13:00 horas e ata a madrugada, xuntando doce horas de música e outras actividades.

A concelleira Noa Morales destacou a colaboración entre Concello e a asociación cultural Mad Gosht, organizadora do festival. O representante da asociación, Iago Otero, debullou as diferentes actividades que ofrecerá esta nova edición, entre as que se inclúe unha jam session (Xan Session), a máis grande da Península, con algo máis de 100 participantes. Tocarán unha lista de temas clásicos do rock de artistas xa desaparecidos.

Haberá un taller literario para que participen nel os pequenos e os pais que asistan ao festival. Tamén se celebrará un campionato de xadrez sub-13 e, dende as 13:00 ata as 17:00 horas, contacontos a cargo da editora Contos Estraños.

Como elemento especial, un encontro de fútbol flag. Ademais, quen queira dar os seus primeiros pasos como baterista, haberá unha zona drummer con baterías electrónicas para practicar.

Quen queira participar nas actividades ou saber horarios pode consultalo na web do festival: rockisdeadfest.com.

Direccións relacionadas



Compartir: