ACCIÓN CULTURAL

Renovación e venda de abonos da nova tempada da Real Filharmonía de Galicia

04/09/2017 Xa está aberto o prazo para a renovación dos abonos da nova tempada da RFG. Ata o venres 8 de setembro, as persoas abonadas poden actualizar a súa afiliación nos teléfonos do Auditorio (981 571 026, en horario de 11:00 a 14:00 horas) e Abanca (902 434 443, en horario de 08:00 a 22:00 horas), e tamén en entradas.abanca.com en horario ininterrompido.

Será o luns 18 cando se inicie o proceso de venda de novos abonos. Estes poderán ser adquiridos ata o venres 22 de setembro no despacho de billetes do Auditorio, no teléfono de Abanca (902 434 443) e entradas.abanca.com, nos horarios xa indicados.

O programa completo da tempada, que inclúe as actuacións noutras cidades dentro e fóra de Galicia, concertos solidarios, propostas didácticas e familiares, ciclos especiais e concertos de balde, está xa dispoñible na rede. Tamén contén información sobre as diversas modalidades e prezos de abono e sobre os descontos dispoñibles.

A Real Filharmonía de Galicia comeza a programación de 2017-18 con catro concertos gratuítos no mes de setembro. Unha pequena mostra dun programa que mantén unha marcada aposta por achegarse a novos públicos e colaborar con outras formacións musicais.

O 13 setembro, ás 20:00 h, a Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta será escenario da Sinfonía nº 7 de Beethoven e da Música Acuática de Haendel, que a orquestra interpretará baixo a dirección de Paul Daniel. O mesmo programa chegará ao Centro Sociocultural José Saramago de Vite, o xoves, 14 de setembro ás 20:00 h, e ao Centro Sociocultural das Fontiñas, o venres 15 de setembro ás 20.00 h.

Tamén a Praza de Abastos acollerá un dos concertos gratuítos de presentación da tempada o mesmo venres día 15, ás 13:00 h. Neste caso, a RFG interpretará un programa máis curto con movementos da Música Acuática de Haendel. En todos estes concertos, a entrada é libre ata completar aforo.

O 6 de outubro, ás 20:30 h, inaugúrase oficialmente o programa de abono coa versión concerto da ópera A somnámbula ,de Bellini, no Auditorio de Galicia. O director Manuel Coves conducirá a orquestra nesta ocasión, na que a RFG estará acompañada do Coro Gaos, dirixido por Fernando Briones. Este verdadeiro espectáculo, que se fai coa colaboración de Amigos da Ópera de Vigo e Santiago, tamén se ofrecerá no Teatro AFundación de Vigo, o domingo 8 de outubro ás 19:30 h.

Compartir: