CENTROS SOCIOCULTURAIS

Winnie the Pooh uniuse á Olimpiada Solidaria

14/12/2006 Con motivo do espectáculo que se desenvolverá no Multiusos de Sar do 14 ao 17 de decembro, Winnie the Pooh está en Compostela. O peculiar osiño de Disney achegouse ata o Centro Sociocultural de Vite para visitar aos nenos e nenas que están a participar na IV Olimpiada Solidaria de Estudo.

Esta iniciativa comezou o 13 de novembro e rematará o 15 de decembro. O seu obxectivo é recadar fondos para proxectos solidarios. Concello e Universidade de Santiago achegan un euro por cada hora de estudo nas salas habilitadas ao efecto, que no caso do municipio son as dos centros socioculturais de Vite, Conxo, Fontiñas, Castiñeiriño e A Trisca.

Nenos e mozos acoden ás salas, convértense en estudantes solidarios e contribúen ao financiamento de varios proxectos de axuda ao desenvolvemento. Os participantes reciben o seu pasaporte solidario para poder levar a conta dunhas horas que primeiro se transforman en papel moeda e logo serán euros.

Na edición de 2005, 27 cidades españolas participaron nesta Olimpíada, con 140 salas de estudo e 8.629 estudantes de entre 5 e 28 anos. Neste ano 2006 agárdase superar a cifra de 10.000 mozos e mozas nas 48 cidades implicadas. Ademais dos estudantes españois, toman parte os de Bélxica, e tamén de Costa de Marfil e Burundi, beneficiarios dos proxectos que se financiarán grazas a esta campaña.

Na visita de Winnie the Pooh, participaron a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón; o responsable da Olimpiada na USC, Xavier Agrafojo; un representante da ONG Coopera. Jóvenes para la Cooperación Internacional al Desarrollo; e o xerente do Multiusos Fontes do Sar, Santiago Cuadrado.

Compartir: