EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Mesa de Contratación propón que Serunión sexa a adxudicataria do servizo de comedores escolares

24/08/2017 A Mesa de Contratación celebrada este xoves acordou, por unanimidade, propoñerlle á Xunta de Goberno que adxudique á empresa Serunión o contrato para a prestación do servizo de comedores escolares e de madrugadores. Así o explicou o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, que sinalou que Serunión conseguiu 8,03 puntos máis que a outra licitadora, Eurest.

A empresa Serunión acadou unha puntuación de 139,3 puntos sobre os 142 posibles. Manuel Dios incidiu en que "a diferenza de puntos entre as dúas empresas licitadoras é moi sutil, e iso xustifica que a mesa considerara acaído solicitar máis informes técnicos dos previstos inicialmente". O concelleiro salientou que Serunión conseguiu a máxima puntuación posible no relativo á oferta alimentaria (48 puntos), e logrou unha mellor valoración que a outra empresa que optaba ao contrato no relativo ao proxecto educativo.

Prezos
O concelleiro de Educación e Cidadanía lembrou que o prego do concurso establecía un prezo máximo para o almorzo de 1,86 euros máis IVE, e para o xantar de 5,2 euros máis IVE. As empresas licitadoras debían facer as súas propostas con baixas dun máximo do 6%, e no caso de Serunión os prezos ofertados foron de 1,754 euros máis IVE para o almorzo, e de 4,922 euros máis IVE para o xantar. Dios aclarou que "este non será o prezo que abonen finalmente as nais e pais, porque a Xunta e o Concello manteñen achegas para o servizo que permiten abaratar os custos". Ademais, o edil incidiu en que "nos últimos exercicios, o Goberno incrementou ata 360.000 euros as partidas para as bolsas de comedor, actividades extraescolares e material das que se benefician as familias con menos recursos".

Calidade alimentaria
No que ten que ver coa oferta alimentaria, o concelleiro de Educación e Cidadanía lembrou que os pregos do concurso "son os máis esixentes de toda Galicia, e están a ser copiados noutros concellos". Así, salientou que a nutricionista da Universidade de Vigo que avaliou as propostas deulle a máxima puntuación posible á oferta de Serunión, "que segundo o recollido nos pregos oferta ata doce menús diferentes que irán rotando ao longo das semanas". Lembrou tamén que a empresa proposta para a adxudicación do servizo ten as súas cociñas en Vigo e A Coruña, "respectando o límite máximo de 130 quilómetros recollido nos pregos, fronte aos 200 quilómetros que se estableceran durante o pasado mandato".

Outras melloras
A empresa proposta pola Mesa de Contratación para ser a adxudicataria do servizo ofertou ademais outras melloras que completan o recollido xa no prego do concurso, como "a introdución dunha aplicación informática de control da presenza e relación entre a adxudicataria e as familias". Tamén se introduce unha enquisa valorativa sobre o servizo, e oficialízase a comisión tripartita formada pola Federación de ANPAS e o Concello e a empresa, "que o ano pasado funcionou con carácter informal e que agora se estabiliza como órgano estable de seguimento e control das incidencias dos comedores e do servizo de madrugadores".

Manuel Dios salientou que o novo contrato "ampliará as horas de formación dos monitores e monitoras ata as 150 horas anuais, en resposta ás demandas da comunidade educativa". Ademais, Santiago será o único concello de Galicia "no que se lles pague media hora máis aos monitores e monitoras antes e despois dos almorzos e os xantares, co obxectivo de mellorar o servizo".

Unha vez proposta a adxudicación por parte da Mesa de Contratación, Serunión deberá acreditar a súa solvencia técnica e económica para prestar o servizo e presentar o aval requirido. Despois, a Xunta de Goberno adxudicará o servizo de forma definitiva.

Compartir: