CONVIVENCIA

Sinalizadas zonas avanzadas de espera para ciclistas en 14 pasos de peóns da cidade

24/08/2017 Catorce pasos de peóns do centro da cidade contan dende hoxe cunha plataforma avanzada de espera para bicicletas. Trátase dun espazo para uso exclusivo dos ciclistas, que "poderán situarse diante dos coches detidos nos semáforos en vermello, para non vérense afectados por xiros inesperados". O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que esta nova sinalización "forma parte da aposta do Goberno polo uso da bicicleta, e vénse sumar a outras medidas como a instalación de aparcabicis na zona histórica hai só unhas semanas".

Os 14 puntos sinalizados están en rúas con alta densidade de tráfico como Virxe da Cerca, Senra, Xoán Carlos I, Doutor Teixeiro e praza de Galicia. O edil explicou que "se avaliará o funcionamento da nova sinaléctica, pero a intención é estendela a outros puntos da cidade que poidan ser conflitivos polo alto volume de circulación que soportan". Xan Duro mostrouse convencido de que "os condutores e condutoras serán respectuosos coa nova sinalización" e aclarou que "nunha primeira fase, como é habitual, farase un labor educativo antes de empezar a sancionar os vehículos que non respecten as zonas exclusivas para ciclistas".

Compartir: