ACCIÓN CULTURAL

Regresan as Noites Curtas ao verán compostelán

22/08/2017 Os vindeiros xoves 24 e 31 de agosto, regresa o cine de verán ao centro histórico compostelán da man de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine, cunha nova edición das populares Noites Curtas, dúas sesións gratuítas ao aire libre onde se proxectará unha selección especial realizada polos programadores do festival para a ocasión.

Os programas das Noites Curtas, que proporán traballos galegos e internacionais, terán como un dos protagonistas deste ano ao cineasta lucense Adrián Canoura, quen tamén participará en outubro na sección Planeta GZ de Curtocircuíto cun dos seus últimos traballos, O porco e o seu espírito. Antes, presentará nas prazas compostelás catro videoclips que realizou este ano para bandas como Guerrera, Baiuca e Nistra (dúo do que forma parte xunto a Anxo Rodríguez). Curtocircuíto segue así apostando polos novos talentos galegos e afondando na perspectiva mutidisciplinar que caracteriza a actual etapa do festival.

A primeira cita será esta semana na praza de Praterías e a derradeira noite de agosto será a praza da Quintana a encargada de acoller títulos como a premiada Decorado, do galego Alberto Vázquez, recoñecida con máis de vinte galardóns internacionais, entre os que destaca o Goya á mellor curtametraxe de animación e o Premio Penínsulas na pasada edición do festival; ou La disco resplandece, de Chema García Ibarra. Over, de Jan Saska (República Checa); Aliens, de Jiajie Yu Yan (España); e Deep Blue, de Joe Nankin (Estados Unidos), son outras das pezas internacionais presentes no programa. Ambas as dúas sesións comezarán ás 22:00 horas.

En caso de condicións meteorolóxicas desfavorables, o festival anunciará un emprazamento alternativo para as proxeccións.

Direccións relacionadas



Compartir: