CONVIVENCIA

O Goberno local mellora a sinalización dos pasos de peóns de Virxe da Cerca

22/08/2017 Tal e como tiña anunciado, o Goberno local vén de iniciar os traballos de mellora da sinalización dos pasos de peóns de Virxe da Cerca, de acordo co informe elaborado pola Policía Local sobre a seguridade nos pasos de cebra da cidade.

Aproveitando as obras de conservación do pavimento na rúa, iniciáronse os labores de pintado, co obxectivo de que os pasos de peóns sexan máis visibles para os condutores. Como se fixo na zona de Santa Marta, estase a utilizar un tipo de pintura especial que fai que mude o son que produce o vehículo ao chegarse aos pasos de cebra. Neste caso, a pintura utilizada é branca, e non vermella como en Santa Marta, por tratarse do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica. Tamén se están instalando "ollos de gato", que pola noite producen unha sinal luminosa nos pasos de peóns.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explica que Virxe da Cerca é unha zona con moito tráfico por mor da presenza de varios centros escolares, e na que tamén hai varios pasos de peóns nos que se viñan detectando deficiencias en materia de seguridade. O sistema utilizado está dando moi bos resultados en Santa Marta, e non se descarta estendelo a outros puntos da cidade.

Compartir: