ALCALDÍA

O Concello e o Consorcio recuperan o itinerario fluvial "De ponte a ponte polo río Sarela"

21/08/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e a xerente do Consorcio, Belén Hernández, asinaron este luns o convenio polo que o organismo interadministrativo colaborará co Concello no financiamento da restauración e mellora do itinerario fluvial De ponte a ponte polo río Sarela. A actuación suporá un investimento de 87.397,40 euros, dos que o Consorcio achegará 26.174,73 euros e o Concello 61.222,67 euros.

A xerente do Consorcio mostrou a satisfacción do organismo por "colaborar nun proxecto que xa formaba parte do seu programa plurianual, pero que da man do Concello acada outra dimensión nun marco máis xeral". Belén Hernández explicou que o Consorcio tamén colaborou na redacción do proxecto de recuperación do sendeiro "que estaba xa feito dende 2008, pero que se foi deteriorando pola falta de mantemento".

O convenio asinado hoxe permitirá actuar nun tramo de 3,8 quilómetros nas marxes do río Sarela, dende Figueiriñas ata Pontepedriña de Arriba. A intervención pretende consolidar o paseo fluvial e a ruta de sendeirismo existente, restaurando o pavimento e tamén as pontes existentes no treito. Tamén se instalarán novos elementos como varandas de seguridade, mellorarase a sinalización e procederase á limpeza dos lavadoiros públicos da contorna.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, apuntou que esta actuación "forma parte do proxecto global Sendeiros de Compostela, e o obxectivo final é unir este sendeiro co que se vén acondicionando nas Brañas de Sar para termos un grande itinerario verde no centro da cidade". Ademais, o edil incidiu na intención do Concello de "poñer en valor os espazos que definen a cidade e o seu carácter, e os ríos Sar e Sarela son algún dos máis importantes".

De ponte a ponte polo río Sarela
O itinerario fluvial De ponte a ponte polo río Sarela culminouse no ano 2008, despois duns traballos de acondicionamento que se prolongaron por máis de sete anos. Parte deles correron a cargo dun obradoiro de emprego, seguindo o mesmo modelo que se está a utilizar na actualidade para poñer en valor as marxes do río Sar.

O roteiro completo tiña unha extensión de 7,5 quilómetros desde Vidán ata a Peregrina, e estaba dividido en nove etapas, unha por cada ponte que atravesa o Sarela. Tras o seu acondicionamento e divulgación, o itinerario fluvial quedou abandonado, e o convenio asinado hoxe permitirá recuperalo para o uso da cidadanía.

Compartir: