CULTURA

Hector Alterio volve ao Principal con "El Túnel"

13/12/2006 O actor arxentino Héctor Alterio volve a Compostela para representar "El Túnel", de Ernesto Sábato. As dúas funcións, o mércores 13 e o xoves 14, ás 21:00 horas, pechan Teatro en Xira 2006.

Héctor Alterio estivo en Raxoi para presentar estes pases e para explicar a xestación dunha obra da que xa van unhas 120 representacións. Tal como indicou, ofrecéronlle a obra hai tres anos, pero os seus compromisos profesionais impediron que se concretara ata hai un ano. "Neste tempo fixéronse tres versións do texto, pero seguía igualmente enamorado do personaxe", apuntou.

O actor asume os riscos que implica esta primeira adaptación teatral de "El túnel", por tratarse dunha novela "que transcendeu notablemente a nivel mundial e sobre a que tantos lectores teñen a súa propia visión". E máis aínda cando os tempos teatrais obrigaron a deixar a obra nun pase de aproximadamente hora e media.

Pero Alterio afirmou estar moi satisfeito coa reacción do público cara un personaxe, o que el representa, que non ten a idade do pensado por Ernesto Sábato. Por iso, a obra articúlase en torno á escenificación de recordos, sempre coa "complicidade do espectador, que coñece o final dende o principio". Di estar "en lúa de mel co personaxe, que estou intentando mellorar constantemente".

Outra das satisfaccións que esta obra lle trouxo ao actor foi a posibilidade de saír en xira. "Revitalízame e rexuvenéceme e, para min, supón un entretemento conmovedor percorrer de novo eses lugares nos que estiven anos atrás", lembrou. Neste sentido, recordou que xa actuara no Teatro Principal.

Daniel Veronese dirixe esta adaptación de Diego Curatella. Acompañan a Alterio no escenario Rosa Manteiga, Paco Casares e Pilar Bayona.

Compartir: