LINGUA

Ducias de nenos e nenas volven xogar nas rúas de Compostela grazas ao "Territorio Xogantín"

10/08/2017 A alcaldesa en funcións, María Rozas, visitou esta mañá as actividades que se están a desenvolver na praza 8 de Marzo dentro do programa Territorio Xogantín, polo que xa pasaron ducias de nenos e nenas durante este mes de agosto.

A rúa é nosa! Territorio Xogantín naceu cun dobre obxectivo. En primeiro lugar, "axudar a que os nenos e nenas socialicen en galego e que a nosa lingua sexa referente no espazo lúdico e, por outra, ofrecer unha alternativa de lecer para os nenos e nenas que fican en Compostela no mes de agosto", asegurou María Rozas. Ademais, segundo apuntou a alcaldesa, "trátase de recuperar a rúa para os nenos e nenas, mostrarlles que poden xogar no espazo público sen instrumentos específicos para iso, tal e como fixeron xeracións anteriores".

Con esta actividade preténdese fomentar o xogo libre e, ao tempo, mostrar que o galego é útil para que os nenos e nenas se relacionen cos seus iguais, e tamén cos maiores que habitan os espazos nos que xogarán durante o mes de agosto.

Actividade libre
A rúa é nosa! Territorio Xogantín desenvolverase ata o 1 de setembro, de 11:30 a 13:30 horas. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 10 anos e para participar non se require inscrición previa. Tan só é preciso presentarse no punto de encontro, que estará situado na praza 8 de Marzo, e iranse cubrindo as 20 prazas diarias por orde de chegada.

Os nenos e nenas están sempre acompañados por monitores de Xandobela, unha empresa local cunha grande experiencia en tempo libre e xogos tradicionais. No caso de chuvia, as actividades desenvólvense na Zona C de Bonaval.

Compartir: